Allariz prepárase para celebrar a cuarta edición do FLAZ

A cuarta edición do FLAZ está a piques de comezar. Na mañá de hoxe, Cesar Lorenzo director de Aira Editorial, Cristina Cid, Alcaldesa de Allariz e María López, concelleira de Promoción Económica, presentaron esta nova edición. Os días 4 e 5 de xullo estarán en Allariz os autores Miquel Martín i Serra, Garazi Albizua, María Alonso Seisdedos, Isaac Xubín, Cristina Sánchez-Andrade e Suso de Toro.
“O Estado español ten literaturas diversas. Créase en galego, éuscaro, catalán e castelán. Para que cada literatura medre é imprescindible a tradución. Destes e doutros temas falarase neste FLAZ”, sinalan dende a organización.
O Festival Literario de Allariz (FLAZ), nacido no 2022, é un proxecto de promoción e fomento da lectura que reúne durante dúas xornadas figuras da literatura en todas as linguas do Estado, da man da libraría Aira das Letras e do Concello de Allariz, e conta coa colaboración da Deputación de Ourense, a libraría Maruxairas, a editorial Aira, a empresa de servizos turísticos Xeitura, a pastelaría Fina Rei e os establecementos hostaleiros Fío de Liño e Alarico.
O primeiro encontro desta cuarta edición será ‘Literatura e loita de clases’, un diálogo entre Garazi Albizua e Miquel Martín i Serra, que terá lugar na tarde do venres 4 de xullo na Sala de Exposicións A Fábrica de Allariz. Garazi Albizua (1985) é unha das autoras en lingua vasca con maior proxección. No 2024 publicou ‘Termita’. A súa literatura directa e poética atraeu a atención de lectores e crítica. Miquel Martín i Serra (Begur, Catalunya, 1969) é un dos escritores máis respectados das letras catalás actuais. O seu libro ‘O atallo’ (publicado en galego por Aira) foi un grande éxito.
‘A tradución literaria como resistencia fronte ao automatismo’ é o título do diálogo entre María Alonso Seisdedos e Isaac Xubín, que se celebrará o sábado 5 de xullo ás 12:30 h na mesma sala. María Alonso Seisdedos (Vigo, 1961) é unha das tradutoras galegas máis recoñecidas, con varios premios ao seu labor. Por exemplo, no 2014 recibiu o Premio Nacional de Tradución que outorga o Ministerio de Cultura como parte do equipo que traduciu ao galego o ‘Ulises’ de James Joyce. No 2024 publicou a súa primeira novela, ‘As Jermaine’. Isaac Xubín (A Coruña, 1978) é tradutor e escritor. Como creador recibiu o Premio da Crítica, o Premio Eusebio Lourenzo Baleirón e o Lueiro Rey de Poesía. Traduciu a Joseba Sarrionandia, Eva Baltasar ou Flann O’Brien.
Xa na tarde do sábado celebrarase o encontro entre Cristina Sánchez-Andrade e Suso de Toro baixo o título ‘O estilo literario na idade de ouro da trama’. Cristina Sánchez-Andrade, natural de Santiago de Compostela, é unha das narradoras en lingua castelá máis orixinais e recoñecidas, tanto en España coma en América Latina. A súa última novela, ‘Habitada’ (2025), está traducida ao galego. Ademais, tamén é tradutora. Suso de Toro (Santiago, 1956) é un dos referentes indiscutibles da narrativa galega actual. A súa sólida traxectoria e o seu nivel de influencia reflíctese en obras tan singulares como ‘Polaroid’, ‘Land Rover’, ‘Calzados Lola’ (Premio Blanco Amor, 1997), ‘Home sen nome’ e ‘Un señor elegante’. A súa última obra é ‘Conta, Sherezade’ (2025).
O FLAZ 2025 pecharase coa mesa redonda ‘Pontes e canles: Escrita, tradución e mercado literario’, que reunirá aos seis convidados o sábado ás 19:30 horas na Sala de Exposicións A Fábrica.