Allariz prepárase para celebrar unha gran festa do terror cunha nova edición do Allariz de Medo

OurenseXa
As rúas de Allariz transformaranse nunha atmosfera máxica e misteriosa do 31 de outubro ao 2 de novembro e combinará
presentacion-allariz-de-medo
Presentación do Allariz de Medo
16 Oct 2025

Allariz converterase durante tres días nun escenario de misterio e diversión coa celebración de Allariz de Medo, que terá lugar do 31 de outubro ao 2 de novembro. O evento, que ofrece programación para todas as idades, combina teatro de rúa, actividades familiares, música e unha proposta audiovisual que transportará á audiencia ao mundo das ánimas e dos defuntos.

A edición 2025 foi presentada esta mañá por María López, concelleira de Promoción Económica, e Eva Sampedro, técnica deste departamento, que destacaron a riqueza cultural e lúdica da cita.

Durante todo o fin de semana, as rúas de Allariz transformaranse nunha atmosfera máxica e misteriosa. Ánimas, esqueletos e druídas protagonizarán diversas escenas que permitirán ao público experimentar o encontro entre o mundo dos mortos e o dos vivos.

As distintas ambientacións poderán visitarse en varias localizacións: rúa do Portelo, Praza de Santo Estevo, rúa da Cruz, rúa do Pozo, Praza Maior, Atrio de Santiago, Praza de Abaixo e Praza do Matadoiro, creando un percorrido envolvente que acompañará aos veciños e visitantes durante toda a fin de semana.

O venres 31 de outubro, de 19:00 a 21:00 horas, celebrarase no Museo Galego do Xoguete a actividade “Algo pasou no Museo do Xoguete”, un xogo de pistas para todas as idades no que os participantes deberán descubrir que misterio esconde o museo. Ás 20:30 horas, a Santa Compaña, de Silvardeiras Teatro, percorrerá a Praza Maior nunha representación inspirada na lenda tradicional. Xa pola noite, a partir das 23:30 horas, a Discomóbil Apocalipsis animará a Praza Maior cunha sesión musical especial para celebrar a Noite de Defuntos.

O sábado 1 de novembro, repetirase a actividade familiar no museo de 19:00 a 21:00 horas. Ás 20:00 horas, na Fundación Vicente Risco, proxectarase o documental “A Luz das Ánimas”, dirixido por Sergio Santos Otero, que ofrece un achegamento ao fenómeno dos Petos de Ánimas e contará cun coloquio posterior para intercambio de impresións. Ás 20:30 horas, a Santa Compaña sairá de novo ás rúas de Allariz para manter vivo o ambiente de misterio e solemnidade.

María López convidou á veciñanza e aos visitantes a mergullarse nesta experiencia única de cultura, diversión e misterio, que cada ano atrae a centos de persoas a Allariz.

PROGRAMA COMPLETO DO ALLARIZ DE MEDO 2025

⚙ Configurar cookies
0.075262069702148