Allariz prepárase para dar comezo ás Festas de San Bieito 2025

OurenseXa
A Agrupación Coral Arnoia abrirá esta noite as celebracións cun concerto na Igrexa de San Bieito
programa-festas-san-bieito-allariz-2025
Imaxe da presentación das Festas de San Bieito de 2025
10 Jul 2025

Allariz comeza este xoves as Festas de San Bieito de 2025, que se estenderán ata o domingo, 13 de xullo, cun programa que incluirá actividades para todas as idades e públicos.

As festas arrancarán esta noite cun concerto da Agrupación Coral Arnoia na Igrexa de San Bieito, e continuarán o venres na Praza do Matadoiro, co espectáculo de monicreques ‘Titiricircus’, da compañía Tanxarina, dirixido a público infantil e familiar. A partir das 23:00 horas, a Discomóbil Apocalipsis animará a noite na Barreira.

O sábado 12 dará comezo cun desfile de xigantes e cabezudos desde a Casa da Cultura, acompañados pola Agrupación De Pé Feito. Pola tarde e noite, a música será protagonista cun concerto das bandas Airiños do Morrazo e Unión Musical de Allariz na Alameda. Á medianoite, a verbena contará con dobre sesión da Orquestra Horizon, The Show, na Barreira.

O domingo 13, a programación inclúe pasarrúas e actos relixiosos vinculados á festividade de San Bieito. A procesión sairá ás 11:00 horas, acompañada polos grupos De Pé Feito, Unión Musical de Allariz e Agrupación Folclórica Lemavos. Ás 21:00 horas comezará o baile coa Orquestra Compostela na Barreira e, como colofón, ás 00:00 horas terá lugar un espectáculo pirotécnico no Campo de Vilanova.

Durante toda a fin de semana tamén se celebrarán diferentes actos relixiosos, como misas e a novena de San Bieito, para quen desexe participar deste ámbito da festa.

⚙ Configurar cookies
0.33190703392029