Allariz presenta a sétima edición da súa Feira dos Produtos Apícolas

OurenseXa
Será o vindeiro 13 de setembro e contará cunha ducia de postos
presentacion-feira-produtos-apicolas-allariz
Presentación da VII Feira dos Produtos Apícolas de Allariz
1 Sep 2025

Allariz presenta unha nova edición da Feira dos Produtos Apícolas que terá lugar o vindeiro 13 de setembro na Praza do Matadoiro, organizada pola Asociación Galega de Apicultura (AGA) en colaboración co Concello.

Nesta sétima edición participarán unha ducia de postos que achegarán ao público a diversidade dos produtos da colmea: meles de diferentes variedades, pole, própole, cosmética apícola e elaboracións innovadoras ou derivados coma candeas.

A feira non será só un espazo de venda, senón que pretende ofrecer unha experiencia educativa e de concienciación arredor da apicultura e da súa importancia para a biodiversidade, cun programa que combinará tradición, divulgación e actividades para toda a familia. A xornada porá en valor o traballo dos apicultores e a calidade dos seus produtos, así como o papel fundamental da apicultura na conservación do medio ambiente e na economía local.

Dende a organización salientan que a feira deste ano chega “nun contexto no que os lumes arrasan milleiros de hectáreas en Galicia”, polo que “a protección das abellas e das colmeas cobra máis relevancia ca nunca, non só como garantes da biodiversidade, senón tamén como aliadas imprescindibles para a recuperación dos ecosistemas e a seguridade alimentaria”. Unha razón pola que a AGA e o Concello de Allariz fan un chamamento á sociedade a apoiar e coidar a apicultura galega.

A feira desenvolverase de 10:00 a 20:00 horas e o programa incluirá obradoiros sobre apicultura, degustacións de produtos da Reserva da Biosfera maridados con mel, espectáculos para toda a familia e sorteos de agasallos.

⚙ Configurar cookies
0.16744494438171