Allariz presenta a XXIX edición da Feira de Outono

OurenseXa
Será os días 8 e 9 de novembro con actividades para todas as idades, enfocadas a poñer en valor o traballo das persoas produtoras e artesás da comarca
presentacion-feira-outono-allariz
Presentación da XXIX edición da Feira de Outono de Allariz
31 Oct 2025

Allariz vén de presentar a XXIX edición da súa Feira de Outono, que se celebrará os días 8 e 9 de novembro e ofrecerá ao público cociña en vivo, degustacións, venda de produtos locais e de tempada, obradoiros infantís e saídas micolóxicas, combinando tradición, natureza e innovación gastronómica.

A feira aposta polos produtos de tempada, destacando as castañas, mel, hortalizas e a repostería artesanal, co obxectivo de poñer en valor o traballo das persoas produtoras e artesás da comarca así como doutros lugares da península.

Durante a presentación do evento, que tivo lugar esta mañá, a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, destacou a importancia desta cita  gastronómica para poñer en valor os produtos alaricanos.  “A Feira de Outono é unha das nosas citas máis especiais, porque representa o mellor do noso territorio: o respecto pola natureza, o valor do produto de tempada e a cooperación entre veciñanza e sector produtivo”, salientou Cid. Pola súa parte, a concelleira de Promoción Económica, María López, subliñou que “esta feira é un escaparate do bo facer das nosas produtoras e produtores, e un impulso para o comercio e a restauración de Allariz”.

O programa incluirá as tradicionais saídas micolóxicas ao monte, guiadas polo experto José Gómez Bragaña, do Centro de investigación forestal de Lourizán, e actividades gastronómicas entre as que destacan as demostracións culinarias que, nesta edición, estarán a cargo de Alex Cabanas e Daniel Pozo

Ademais, haberá actividades para a cativada, como un obradoiro de creación con flores secas e outro de iniciación á cociña, ambos dirixidos a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos.

O evento complétase cos sorteos dos “Premios de Outono”, que se celebrarán o sábado ás 20:00 horas e o domingo ás 14:00 e 19:30 horas, cunha selección de cestas outonais como agasallos.

Organizada polo Concello de Allariz dende hai case 30 anos a Feira de Outono reafirma o compromiso do municipio coa posta en valor do produto local, a gastronomía de tempada e o turismo sostible.

PROGRAMA COMPLETO DA XXIX FEIRA DE OUTONO DE ALLARIZ

⚙ Configurar cookies
0.076585054397583