Allariz presenta as Xornadas do 25N cun programa baseado na igualdade

O Concello de Allariz vén de presentar as Xornadas do 25N para conmemorar o Día Internacional para a Erradicación da Violencia contra as Mulleres, que se celebra o 25 de novembro.
A presentación do programa tivo lugar esta mañá, coa asistencia da concelleira de Benestar Social, Tania Álvarez, e da técnica de igualdade, Cristina Outeiriño, quen deron a coñecer as diferentes actividades que se desenvolverán ao longo do mes e destacaron a importancia de continuar traballando desde todos os ámbitos para erradicar as violencias machistas.
A programación abranguerá diferentes propostas destinadas a diversos públicos e idades, centradas na educación, a cultura e o compromiso pola igualdade.
A primeira actividade estará dirixida ao alumnado de 4º da ESO do IES de Allariz co obradoiro “Conectad@s: relacionándonos coa contorna virtual”, destinado a fomentar o uso responsable das tecnoloxías e promover relacións máis respectuosas e igualitarias no ámbito dixital. Esta iniciativa desenvolverase ata o 10 de novembro a cargo da a Asociación Aliad Ultreia, que presentará ao alumnado da vila un proxecto onde a través da investigación, o descubrimento e o traballo en equipo, van a xerar mecanismos para estar alerta e tomar precaucións fronte aos novos riscos creados a través das pantallas. financiada pola secretaría xeral de igualdade.
O programa continuará o sábado 15 de novembro ás 11:30 horas na Casa da Cultura co contacontos “Vamos ao recreo”, unha proposta lúdica e educativa pensada para o público infantil, a partir de 3 anos, con entrada de balde ata completar a capacidade da Casa da Cultura. esta proposta nos acerca aos estereotipos de xénero e como con pequenos cambios se pode conseguir a igualdade.
O domingo 23 de novembro, ás 18:30 horas, a Casa da Cultura acollerá o monólogo “ELAS”, unha peza teatral que convida á reflexión sobre as vivencias, as historias de vida, as resistencias e as fortalezas das mulleres ao longo da historia. A entrada será gratuíta ata completar a capacidade da Casa da Cultura e o espectáculo está dirixido ao público adulto.
Para rematar, o martes 25 de novembro, ás 12:00 horas na Praza Maior, terá lugar a lectura do manifesto institucional contra a violencia cara ás mulleres, acto central das xornadas, no que o Concello e a veciñanza amosarán unha vez máis a súa unidade e compromiso contra a violencia de xénero.
As Xornadas do 25N contan coa colaboración do IES de Allariz e o apoio do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, e forman parte do traballo continuado que o Concello desenvolve durante todo o ano para promover unha sociedade máis igualitaria, segura e libre de violencias.
Con esta iniciativa, o Concello pretende reafirmar o seu compromiso coa igualdade de xénero e coa loita contra todas as formas de violencia machista, promovendo accións de sensibilización, educación e reflexión colectiva dirixidas a toda a cidadanía.