Allariz presenta o programa completo de actividades para o verán de 2024

OurenseXa
Entre os meses de xullo e setembro, o Concello de Allariz organiza máis dunha vintena de actividades culturais
O Concello de Allariz presenta o programa de activiades para o verán de 2024
27 Jun 2024

O Concello de Allariz inaugura o verán cunha decena de actividades para todos os públicos que se desenvolverán durante os meses de xullo, agosto e setembro.

"Queremos que Allariz sexa o lugar onde todas as veciñas e veciños poidan gozar dun verán cheo de cultura, diversión e moita vida" explica Cristina Cid, alcaldesa de Allariz.

Cid lembra que durante o mes de xullo os veciños e veciñas poderán continuar gozando do XIV Festival Internacional de Xardíns de Allariz, que este ano ten como tema "O Xardín é unha obra de arte". Este evento estenderase a o 31 de outubro, convertendo a Allariz nun fermoso escaparate de arte floral.

Os días 5 e 6 de xullo, a Sala A Fábrica acollerá o FLAZ, o Festival Literario de Allariz, unha cita imprescindible para as amantes da literatura, mentres que do 11 ao 14 de xullo, celebrarase a tradicional Festa de San Bieito en diferentes espazos de Allariz, enchendo as rúas de música e ledicia. Nos vindeiros días serán presentadas as actividades programas para esta data en Allariz.

O sábado 20 de xullo, continúan os Roteiros Temáticos de Allariz, achegando as persoas que así o desexen a descubrir "A Lingua das Bolboretas", película que foi rodada en Allariz en 1998, convertendo as rúas nun estudio de cine e á veciñanza en parte das protagonistas.

Pola súa banda, a campaña de escavación na Cibdá de Armea 2024 desenvolverase do 15 ao 26 de xullo, ofrecendo unha oportunidade única para explorar a historia e arqueoloxía da zona.

O domingo 21 de xullo, a Praza do Matadoiro acollerá o festival de danza e movemento ABANEA, evento que ten unha das súas paradas en Allariz o cal xa forma parte da programación habitual do Verán en Allariz.

Ademais, a Festa da Patria celebrarase o mércores 24 de xullo nos Xardíns do Museo do Coiro cunha actuación do Cuarteto Par de Par ás 21:30 horas, seguida dun concerto de Os Vacaloura á medianoite para festexar o Día de Galicia.

En agosto, a diversión continúa co espectáculo "Marta Sempre Arriba: Hoxe Si!!!" o venres 2 ás 20:30 horas na Praza do Matadoiro. O sábado 3 de agosto, O Mato será o escenario da Fornada no Mato, acompañada pola música de De Pé Feito.

Do 5 ao 8 de agosto, o Campo da Barreira acollerá as previas do Campionato de Billarda Senior, culminando coa final o mércores 14 de agosto ás 19:00 horas. Previo a esta final, durante a mañá do 14 , será o Campionato de Billarda- Infantil ás 11:00 horas.

O sábado 10 de agosto, outro Roteiro Temático guiará ás participantes pola historia de Romasanta.

Por outro lado, a Festa da Empanada, celebrarase os días 17 e 18 de agosto, con actividades en diferentes espazos de Allariz. O sábado 17, a Alameda será o punto de encontro para o Tríatlon Vila de Allariz ás 18:00 horas, seguido dun concerto de Brincadelia Troupe ás 22:00 horas nos Xardíns do Museo do Coiro, e unha discomóbil ás 23:30 horas.

O domingo 18 de agosto, a Regata Provincial de Piragüismo terá lugar no Embarcadoiro da Alameda ás 11:00 horas, e pola tarde, ás 19:30 horas, o Campo de Vilanova acollerá un concerto de De Ninghures. A programación deste evento será presentada máis adiante con todas as actividades que se realizarán, informan desde o Concello.

O verán pecharase en setembro co RIR Festival Internacional de Curtas de Comedia, que terá lugar do 1 ao 7 de setembro en diferentes espazos de Allariz. O xoves 5 de setembro, na Praza do Matadoiro, os Veciños e vacinas poderán gozar do evento de Ler Conta Moito con As Jalochas ás 19:00 horas, mentres que o domingo 8 de setembro, o Mercado de Artesanía - Arte de Man encherá as rúas de creatividade.

O sábado 14 de setembro, a Feira dos Produtos Apícolas celebrará a riqueza apícola da rexión en varios espazos, mentres que un novo Roteiro Temático destacará as "Personaxes Senlleiras" de Allariz. Para rematar, do 27 de setembro ao 13 de outubro, as Xornadas de Carne de Boi ofrecerán a oportunidade de degustar este exquisito produto local.

 

0.16107702255249