Allariz presenta o programa de actividades culturais para o verán

OurenseXa
O Concello organiza unha ampla programación que combina tradición, cultura, música e actividades ao aire libre para todas as idades
presentacionprograma-veran-cultural-allariz
28 Jun 2025

O Concello de Allariz presenta a súa Programación de Verán 2025, unha proposta ampla e diversa que convida á veciñanza, ás persoas visitantes e a quen se achegue a gozar dun verán cheo de música, espectáculos, tradicións e actividades ao aire libre. Cun calendario que combina citas consolidadas e novas iniciativas, Allariz reafírmase como un espazo dinámico e activo, con cultura pensada para todas as idades.

Cristina Cid, alcaldesa de Allariz, xunto con María López, concelleira de Promoción Económica, Carlos Puga, concelleiro de Deportes, e Alberto Conde, concelleiro de Cultura, presentaron a programación destacando o seu carácter participativo e o seu vínculo co territorio e coa identidade local.

Durante os meses de xullo, agosto e setembro, o municipio converterase nun lugar de encontro e convivencia onde se mesturan festas tradicionais, concertos, espectáculos escénicos, deporte, feiras e roteiros culturais. A programación nace do compromiso co territorio, coa identidade e coa participación da comunidade.

O verán comeza con eventos destacados como o FLAZ – Festival Literario de Allariz, que cumpre a súa cuarta edición. Celebrarase os días 4 e 5 de xullo, nunha cita que transforma Allariz nun espazo de diálogo arredor da lectura, a creación e a palabra.

As Festas de San Bieito, que se desenvolverán os días 11,12 e 13 de xullo volverán encher Allariz de música, teatro e tradición. O seu programa concreto será presentado nos vindeiros días.

Tamén haberá espazo para propostas variadas como o Roteiro Temático de Muíños e Curtumes, unha visita guiada que invita a redescubrir a historia industrial e o patrimonio natural do territorio, e o III Torneo de Fútbol 7, unha cita deportiva xa consolidada que promove o deporte e a participación.

En agosto, o protagonismo será para o folclore, coas Xornadas Internacionais de Folclore, ademais de espectáculos de humor, música ao vivo e actividades pensadas para públicos diversos. A Festa da Empanada, o Tríatlon Vila de Allariz ou a Regata de Piragüismo – Copa Deputación volverán ser momentos de participación e celebración colectiva.

Entre as variadas citas musicais do verán, o 22 de agosto celebrarase o concerto de Budiño – Branca Vela nos Xardíns do Museo do Coiro, nun escenario privilexiado que combina natureza e patrimonio.
Xa en setembro, a programación pon o foco no Festival RiR, na Feira de Artesanía, na Feira dos Produtos Apícolas e as Xornadas de Carne de Boi, que se estenderán ata o mes de outubro.

As actividades espállanse por distintos espazos do municipio como A Barreira, a Alameda, o Campo de Vilanova, Armea, O Mato ou os Xardíns do Museo do Coiro, facendo que a cultura chegue a diferentes recunchos de Allariz.

⚙ Configurar cookies
0.17944407463074