Allariz presenta o programa de actividades para conmemorar o 8M

O Concello de Allariz presentou a súa programación con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, nun acto no que participaron a alcaldesa, Cristina Cid, a concelleira de Benestar Social, Tania Álvarez, e a técnica de Igualdade, Cristina Outeiriño.
Baixo o lema “Tecendo comunidade, sementando igualdade”, o municipio aposta este ano por reforzar a cohesión social, a cultura de base e a educación en valores como piares para avanzar cara unha sociedade libre de discriminacións.
A programación estrutúrase arredor dun acróstico do nome de Allariz que recolle os principios que o Concello quere situar no centro da vida pública local: Apoio, Liberdade, Loita, Axuda, Respecto, Igualdade e Zona segura.
A xornada principal dará comezo o domingo 8 de marzo ás 11.30 horas na Praza Maior coa lectura do Manifesto Institucional pola Igualdade, un acto simbólico do compromiso municipal coa xustiza social. A continuación celebrarase a Andaina pola Igualdade, unha marcha aberta á participación veciñal que require inscrición previa, aberta ata o 4 de marzo, a través dos teléfonos facilitados pola organización.
Pola tarde, ás 13.00 horas, pecharase a xornada co Festival Alaricano pola Igualdade, tamén na Praza Maior. O encontro combinará actuacións de escolas de música tradicional e grupos de pandereteiras de San Mamede e Meire con recitais poéticos coordinados polo Club de Lectura, nunha proposta que une cultura e reivindicación.
O programa continuará o mércores 11 de marzo ás 17.00 horas no Fogar dos Maiores co obradoiro “Tecer comúns”, impartido por Outonía. A actividade busca fomentar o intercambio de experiencias entre xeracións e poñer en valor a participación activa das persoas maiores na comunidade.
O xoves 12 de marzo a iniciativa trasladarase ao ámbito escolar. Ás 11.30 horas, o alumnado de segundo de Primaria do CEIP Padre Feijoo participará no contacontos musical “O Misterioso Tesouro da Serea”, unha actividade orientada a traballar a igualdade e a loita histórica das mulleres a través dun lenguaje adaptado á infancia.
A programación pecharase o venres 27 de marzo coa posta en marcha do ciclo “Cafés en Igualdade”. A primeira sesión terá lugar ás 17.30 horas no Bar Fio de Liño e estará dedicada ao autocuidado, coa intervención da relatora Alba Pérez. O obxectivo é crear un espazo seguro de diálogo e apoio mutuo entre mulleres.
Segundo avanzou o Concello, este ciclo terá continuidade nos meses de abril e maio en diferentes localizacións do municipio, consolidando unha liña de traballo que combina reflexión, benestar e comunidade.