Allariz presenta o programa de actividades para Día de Rosalía

O Concello de Allariz presentou esta mañá o programa de actividades para celebrar o Día de Rosalía, unha iniciativa que busca render homenaxe á figura e á obra da autora e que se celebrará do 20 ao 25 de febreiro
Os actos centrais terán lugar o 21 de febreiro ás 18:00 horas na Alameda, cun evento aberto ao público que incluirá a lectura de poemas de Rosalía e a presentación da mostra “O Xardín de Rosalía”, unha exposición que estará composta por varios poemas enviados por diferentes axentes sociais de Allariz que quixeron participar nesta conmemoración. Os textos colocaranse nos xardíns da Alameda para que a veciñanza e as persoas interesadas poidan achegarse á obra desta destacada escritora galega durante varios días. O acto completarase cun poema musicalizado, interpretado por un quinteto da Banda de Música Unión Musical de Allariz, achegando unha dimensión musical á celebración.
O 23 e o 25 de febreiro, coincidindo coa semana de conmemoración, a programación continuará cunha actividade dirixida ao público escolar que terá lugar ás 11:30 horas na Casa da Cultura, onde se celebrará o obradoiro “Poemas e flores para Rosalía”, unha proposta creativa que busca achegar a figura da escritora ás novas xeracións.
Pola súa banda e en colaboración coa hostalería local, do 20 ao 22 de febreiro os establecementos da vila sumaranse ás celebracións do Día de Rosalía co tradicional Caldo de Gloria, inspirado no poema “Miña casiña, meu lar”.
Este ano, un total de once establecementos de Allariz ofrecerán este prato tradicional, dispoñible como tapa ou incluído no menú da fin de semana, identificados cun vinilo coa frase: “Aquí hai Caldo de Gloria”. Todas as persoas que degusten o Caldo de Gloria nos establecementos participantes poderán participar no sorteo dunha fin de semana en Padrón para visitar a Casa de Rosalía, escaneando un código QR, cubrindo un formulario e achegando unha foto dunha papeleta entregada no local.
Ademais, o Mercado da Reserva ofrecerá unha degustación de Caldo de Gloria o sábado 21 de febreiro, de man de Moixo, durante o horario de apertura do mercado.
Tamén o CEIP Padre Feijoo incluirá no seu menú escolar do luns 23 de febreiro o Caldo de Gloria, e os alumnos recibirán manteis individuais de papel co poema de Rosalía, ao igual que a hostalería participante, grazas á colaboración da Fundación Rosalía de Castro.
Con estes actos, o Concello quere reafirmar o seu compromiso coa promoción da cultura galega e coa difusión da obra dunha das figuras máis relevantes da literatura galega, convidando á veciñanza e visitantes a participar nesta celebración colectiva que combina cultura, educación e gastronomía. Ademais, a programación reflicte o traballo levado a cabo dende o Goberno municipal coa conservación e difusión do legado da autora, sendo mecenas dende hai tres anos da Fundación Rosalía de Castro.