Allariz presenta o programa para as Festas de San Bieito 2025

OurenseXa
Celebraranse do 11 ao 13 de xullo con actividades para todos os públicos
programa-festas-san-bieito-allariz-2025
Presentación das Festas de San Bieito 2025
1 Jul 2025

A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, e o concelleiro de Cultura, Alberto Conde, presentaron esta mañá a programación das Festas de San Bieito 2025, que se celebrarán do 11 ao 13 de xullo cunha proposta diversa pensada para todos os públicos.

As festas comezarán o xoves 10 de xullo cun concerto da Agrupación Coral Arnoia na Igrexa de San Bieito. O venres 11, a Praza do Matadoiro acollerá o espectáculo de monicreques Titiricircus, da compañía Tanxarina, dirixido a público infantil e familiar. A partir das 23:00 horas, a Discomóbil Apocalipsis animará a noite na Barreira.

O sábado 12 dará comezo cun desfile de xigantes e cabezudos desde a Casa da Cultura, acompañados pola Agrupación De Pé Feito. Pola tarde e noite, a música será protagonista cun concerto das bandas Airiños do Morrazo e Unión Musical de Allariz na Alameda. Á medianoite, a verbena contará con dobre sesión da Orquestra Horizon, The Show, na Barreira.

O domingo 13, a programación inclúe pasarrúas e actos relixiosos vinculados á festividade de San Bieito. A procesión sairá ás 11:00 horas, acompañada polos grupos De Pé Feito, Unión Musical de Allariz e Agrupación Folclórica Lemavos. Ás 21:00 horas comezará o baile coa Orquestra Compostela na Barreira e, como colofón, ás 00:00 horas terá lugar un espectáculo pirotécnico no Campo de Vilanova.

Durante toda a fin de semana tamén se celebrarán diferentes actos relixiosos, como misas e a novena de San Bieito, para quen desexe participar deste ámbito da festa.

As Festas de San Bieito ofrecen unha oportunidade para gozar de Allariz na rúa, compartir espazos de encontro e celebrar en comunidade.

⚙ Configurar cookies
0.18302702903748