Allariz presenta un completo programa de actividades para este Nadal

O Concello de Allariz presentou esta mañá a súa programación oficial para este Nadal, que combinará actividades culturais, deportivas, de ocio e iniciativas para impulsar o comercio local durante as festas.
O obxectivo desta iniciativa, explican dende o Goberno municipal, é fomentar a convivencia, o espírito festivo e apoiar a dinamización económica, ofrecendo propostas para todos os públicos.
O Nadal arrancará oficialmente sábado 13 de decembro co concerto da Escola da Banda Unión Musical de Allariz na Casa da Cultura. Haberá teatro, humor e maxia nos días seguintes, con obras como “Os dous de sempre” ou espectáculos como “Os contos de Lobicán”, así como monólogos e shows de maxia. O domingo 4 de xaneiro pecharase a programación cultural coa Mostra de Danza de Nadal.
Para os máis pequenos, o Nadal Parc estará aberto do 22 ao 31 de decembro no Pavillón do IES, con xogos e inchables, ademais de dous obradoiros creativos: “Crea a túa postal de Nadal” e “Árbores de Nadal”.
O 31 de decembro celebrarase a tradicional Carreira Popular Solidaria “A Derradeira”, cunha saída desde a Praza do Concello, unha actividade que combina deporte e solidariedade.
O programa rematará coa Cabalgata de Reis o 5 de xaneiro, que percorrerá as rúas de Allariz dende a Alameda ata o Pavillón do IES, levando ilusión a toda a veciñanza.
A programación compleméntase coa campaña do Peto dos Desexos, o concurso de escaparates e as decoracións que adornan as rúas, creando un ambiente festivo e promovendo a actividade comercial.
PORGRAMA COMPLETO DE NADAL EN ALLARIZ