Allariz presenta “Verán na mocidade 2025” cunha ampla programación de lecer para a xente nova


O Concello de Allariz, a través da área de Mocidade, volve poñer en marcha o programa “Verán na Mocidade”, unha proposta pensada para mozos e mozas de entre 13 e 33 anos, cunha ampla variedade de actividades culturais, deportivas e de lecer que se desenvolverán ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro.
A programación inclúe desde xogos nocturnos polas rúas da vila ata campionatos deportivos, obradoiros creativos e saídas organizadas a distintos puntos de interese. Aínda que todas as actividades están abertas a participantes de calquera idade, en caso de límite de prazas, priorizarase á mocidade.
Entre as propostas destacan aventuras como a “Busca do Tesouro” ou “Atrapa a Bandeira”, campionatos de volei, matraquiño ou billar, así como escapadas a destinos como A Coruña, o Aquapark de Cerceda ou a contorna natural de Trevinca. Tamén se organizan obradoiros para dar nova vida á roupa, iniciarse no xadrez ou crear un propio escape room.
As persoas interesadas deben inscribirse a través do correo mocidade@allariz.gal, indicando no asunto o nome da actividade. Dende o Concello lembran que é preciso un mínimo de oito participantes para que cada proposta poida levarse a cabo.
Con este programa, o Concello de Allariz reafirma o seu compromiso cun verán activo, creativo e participativo para a mocidade local.
