Allariz programa para o 21 de xaneiro ‘Instalacións de Xogo’, unha experiencia sensorial para bebés e familias

O Concello de Allariz organizará o vindeiro mércores 21 de xaneiro a actividade ‘Instalacións de Xogo’, unha proposta pensada para a primeira infancia que busca crear un espazo de relación, exploración e creatividade a través do xogo libre. A sesión estará orientada a nenas e nenos de 6 meses a 2 anos e será impartida por Getsemaní Valenzuela.
A iniciativa formula un entorno lúdico a partir de materiais cotiáns e abertos, como flotadores, caixas, vasos, esponxas, pezas soltas ou elementos de madeira. O obxectivo é que as crianzas poidan manipular, imaxinar e construír de forma espontánea, favorecendo a autonomía, a curiosidade e a interacción social nun contexto seguro e acolledor.
O concello explica que se trata dunha experiencia non estruturada, na que o xogo libre é o eixo principal, e que tamén funciona como punto de encontro para as familias, contribuíndo á creación de comunidade mentres os máis pequenos descobren o mundo que os rodea.
A actividade desenvolverase no 2º andar do Fogar dos Maiores, en horario de 16.45 a 17.30 horas. A participación é gratuíta, pero é necesario realizar inscrición previa nos teléfonos 988 55 40 59 e 638 61 46 91. Cada sesión terá unha duración aproximada de 50 minutos e as crianzas deberán acudir acompañadas por unha persoa adulta responsable.
Con este tipo de propostas, o Concello de Allariz reforza a súa programación dirixida á infancia e ás familias, promovendo espazos educativos, sensoriais e inclusivos que acompañen o desenvolvemento nas primeiras idades.