Allariz recupera o manancial de Santán

O Concello de Allariz levou a cabo o proxecto de restauración ambiental e posta en valor do Manancial de Santán, un espazo de grande importancia histórica e patrimonial para a vila. Os traballos, financiados no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD), permitiron recuperar este enclave singular, mellorando o seu acceso e restaurando os elementos naturais do entorno.
O Manancial de Santán, situado na contorna do río Arnoia, é coñecido polas súas augas mineromedicinais e polo seu uso tradicional como lavadoiro comunitario. Durante séculos, a veciñanza de Allariz aproveitou esta auga para lavar a roupa, especialmente nos meses de inverno, mentres que no verán se empregaba para o regadío das leiras próximas. Este espazo foi tamén un punto de encontro social de grande relevancia na vida comunitaria.
O proxecto de recuperación incluíu a limpeza integral da zona, a restauración dos muros de cachotería e das canles de auga, así como a mellora do acceso ao manancial. Para facilitar o tránsito, habilitouse unha rampla natural desde a rúa actual e un camiño estreito desde a estrada de Santa Mariña. Ademais, co obxectivo de conservar a identidade tradicional do lugar, mantivéronse as pedras irregulares que conforman o lavadoiro.
A posta en valor do Manancial de Santán reforza a aposta de Allariz pola conservación do seu patrimonio natural e cultural, ao tempo que promove un turismo sostible e respectuoso coa historia e a identidade local.
Dende o Concello de Allariz convidan á veciñanza e ás persoas visitantes a coñecer e desfrutar deste espazo restaurado, “contribuíndo á preservación dun legado histórico que forma parte da memoria colectiva da vila”.