Allariz, seleccionado como Lugar de Interese Cinematográfico no VIII Encontro de Academias de Cine e Audiovisual

OurenseXa
As academias de cinema e audiovisual recoñecen con esta distinción os lugares que teñen unha especial importancia para a industria audiovisual
VIII Encontro de Academias de Cinema e Audiovisual
VIII Encontro de Academias de Cine e Audiovisual
2 Out 2024

Representantes das Academias de Cinema e Audiovisual da península presentaron na tarde deste martes os lugares seleccionados este ano coa distinción ‘Lugares de Interese Cinematográfico’ (LIC), unha listaxe que inclúe o Centro histórico de Córdoba, o castelo de Loarre, o Xixón de Volver empezar, a vila de Allariz, os Estudos Balcázar, Cáceres como Conxunto Histórico e Monumental, o café Vá-Vá lisboeta e a localidade de Peñíscola.

O director do área de cultura da Deputación de Ourense, Marcos Vázquez, acompañou aos representantes das academias de cinema e audiovisual da península no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

As academias de cinema e audiovisual recoñecen con esta distinción os lugares que teñen unha especial importancia para a industria audiovisual, tanto polo seu valor histórico como pola súa relevancia na produción cinematográfica ou o seu significado simbólico. O obxectivo desta distinción é destacar a riqueza cultural e audiovisual destes lugares, así como promover a conservación e posta en valor destes espazos que xogaron un papel fundamental na construción da identidade audiovisual da península.

O anuncio dos Lugares de Interese Cinematográfico inaugurou o VIII Encontro de Academias de Cine e Audiovisual, que se celebrará ata o 3 de outubro no marco do Festival de Cinema de Ourense. Neste evento participan representantes da Academia Galega do Audiovisual, que actúa como anfitrioa, así como da Academia de Cinema de Andalucía, Academia Aragonesa de Cinema, Acadèmia de Cinema Català, Academia de Cinema de Estremadura, Academia Portuguesa de Cinema e Acadèmia Valenciana de l’Audiovisual.

0.19172596931458