Allariz será o escenario este sábado do IV Encontro do Deseño Galego

A Asociación Galega de Deseño (DAG) celebrará o cuarto Encontro do Deseño Galego o vindeiro sábado, 18 de abril, na vila de Allariz. Trátase dunha iniciativa que xorde coa vocación de descentralizar os eventos de deseño achegando profesionais e disciplinas a localidades máis pequenas, fóra das urbes que, segundo explican desde a asociación, acostuman acoller este tipo de actividades, co obxectivo de facer comunidade e traballar para o interese común ao tempo de coñecer os recursos culturais e patrimoniais de Galicia.
A iniciativa tén pasado xa por Rianxo, Padón e Cangas de Morrazo, e agora achégase á provincia de Ourense para dar a coñecer recursos como a Fundación Vicente Risco, que colabora directamente no evento, o Museo Galego do Xoguete ou o Museo da Moda, ademais de xerar un espazo para compartir reflexións sobre deseño e coñecer de primeira man o traballo de socios e socias.
Nesta ocasión participarán no encontro o deseñador alaricano Ismael Velo, a deseñadora gráfica Steph Wurm, a creadora téxtil especializada en cestería contemporánea Idoia Cuesta e o enxeñeiro agrícola Francisco Pedras.
A xornada dará comezo ás 10:15 horas na Fundación Vicente Risco e contará con coloquios, unha visita ás instalación da Fundación, un xantar e visitas, xa pola tarde, a ouros espazos do municipio, como o Museo Galego do Xoguete e o Museo da Moda, e un paseo pola vila e a ribeira do Arnoia