Allariz vístese de cores para o Día do Orgullo LGTBI+ 2024
O próximo 28 de xuño, Allariz sumarase á celebración do Día Internacional do Orgullo LGTBI+, unha data emblemática dedicada á loita pola igualdade e a diversidade. As áreas de Benestar Social e Promoción Económica, Comercio e Turismo do Concello de Allariz convidan a todas as persoas comerciantes e hostaleiras do municipio a unirse a esta celebración decorando e ornamentando os seus negocios coas cores do arco da vella.
Así mesmo animan a toda a veciñanza que se queira sumar nesta iniciativa a decorar os seus balcóns, portas ou fachadas.
Chamamento á participación cidadá
O Concello de Allariz anima a todas as persoas con negocios locais a participar activamente na creación dun ambiente festivo e inclusivo. Para iso, suxírese decorar escaparates e fachadas con bandeirolas, globos, carteis e outros elementos que representen as cores do arco da vella.
O propio Concello de Allariz tamén se sumará a este chamamento participando na decoración dalgún espazo municipal para reforzar a celebración e apoiar esta importante causa.
Os establecementos comercias e hostaleiros que se sumen a esta iniciativa non só contribuirán a unha causa importante, senón que tamén obterán maior visibilidade. O Concello de Allariz dará difusión á participación dos negocios nas súas redes sociais e na prensa local. Ademais, organizarase un pequeno concurso, aberto ata o 7 de xullo, no cal se premiarán os mellores escaparates decorados para esta ocasión.
As persoas interesadas poden enviar fotos dos seus escaparates á dirección de correo electrónico comercio@allariz.gal e etiquetar as súas publicacións nas redes sociais cos hashtags #OrgulloAllariz #LGTBI+ #Igualdade #Diversidade.
“Desde o Concello de Allariz, consideramos que a participación das persoas comerciantes e hostaleiras é fundamental para crear un ambiente inclusivo no noso municipio e para mostrar o noso apoio á comunidade LGTBI+” declararon dende o consistorio as responsables de Benestar Social e Promoción Económica, Tania Ayán e María López.