Álvaro Vila acusa ao alcalde de Barbadás de “neglixencia política e bloqueo administrativo”

O voceiro do grupo provincial socialista na Deputación de Ourense e secretario provincial, Álvaro Vila, carga contra o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, a quen acusa de directamente de “neglixencia política, bloqueo administrativo e unha estratexia deliberada para desviar a atención da súa propia responsabilidade”, en relación as últimas declaracións feitas polo rexedor deste concello nos medios de comunicación e polas “constantes mentiras e falacias vertidas tanto en prensa como nas institucións”.
O tamén alcalde de Taboadela refírese concretamente a unhas acusacións por parte do rexedor de Barbadás respecto á cancelación do Obradoiro de Emprego desenvolvido de forma conxunta entre ambos municipios máis o Concello de Toén. Os feitos remóntanse a principios deste ano, cando Valcárcel aseguraba que a cancelación viña motivada polo incumprimento dos requisitos por parte do Concello de Taboadela, e acusou directamente a Vila de ser o responsable de perder máis de 400.000 euros e unha vintena de postos de traballo.
Porén, o voceiro socialista insiste en que o seu Concello cumpriu “de maneira escrupulosa e en prazo” con todos os requisitos esixidos para a concesión da subvención do obradoiro, incluída a presentación da conta xeral con antelación suficiente. De feito, Vila acusa directamente ao Concello de Barbadás, como entidade promotora do obradoiro, que segundo el, “deixou pasar os prazos de maneira incomprensible” ao non presentar o recurso correspondente ante a Xunta de Galicia, a pesar, di, de contar con toda a documentación necesaria.
“Isto non é un erro puntual, é unha cadea de irresponsabilidades que remata coa perda dunha oportunidade clave para tres concellos”, afirmou Vila este martes durante unha rolda de prensa na que denunciou que, “lonxe de asumir a súa responsabilidade”, o alcalde de Barbadás optou por “mentir, intoxicar e sinalar a terceiros”, impulsando “unha campaña de desinformación” que cualificou de “inaceptable nunha institución pública”.
Para Vila, o máis grave é que se teña posto en dúbida o cuestión o traballo dos funcionarios públicos. “Cando se cruzan certas liñas e se intenta manchar o labor técnico para tapar a propia incompetencia política, estamos ante un comportamento intolerable” apuntou o alcalde de Taboadela, que denuncia que esta actitude responde a “un intento desesperado de fuxir das propias responsabilidades mediante o ruído e a confrontación persoal”. Neste sentido, cabe lembrar que foi directamente o secretario socialista quen pediu directamente a renuncia de Valcárcel tras unha acusación por presunto acoso laboral que o levou a abandonar o partido, e que a tensión entre ambos rexedores vense incrementando dende o pasado mes de decembro.
Vila non descarta accións legais ante “acusacións veladas e insinuacións moi graves” sobre a suposta manipulación de documentación oficial. “A realidade é incontestable: a subvención perdeuse única e exclusivamente pola deixadez e a falta de dilixencia do goberno de Barbadás. Todo o demais é unha cortina de fume”, concluíu.