Álvaro Vila, elixido novo Secretario Xeral do PSdeG de Ourense

O alcalde de Taboadela e voceiro socialista na Deputación de Ourense, Álvaro Vila Araújo, foi elixido este domingo como novo Secretario Xeral do PSdeG-PSOE de Ourense.
Vila impúxose cun total de 447 votos, fronte aos 390 obtidos por Patricia Domínguez Barja, alcaldesa da Pobra de Trives. Ademais, rexistráronse 7 votos en branco e 6 nulos.
A participación na votación acadou o 63,5%, con 850 votos emitidos dos 1.360 militantes censados na provincia.
Na cidade de Ourense, Vila conseguiu 192 votos, fronte aos 105 da súa rival. Tamén se impuxo nas agrupacións de Bande, O Barco de Valdeorras, Celanova, Entrimo, Ribadavia, Riós e Vilardevós. Pola súa parte, Domínguez venceu en Barbadás, O Carballiño, Castrelo do Val, Castro Caldelas, Xinzo de Limia, Muíños, Trives, A Rúa, Verín, Viana do Bolo e Vilamartín de Valdeorras.
Con estes resultados, Vila substituirá ao ata agora Secretario Xeral, Rafael Rodríguez Villarino, quen decidiu dar un paso atrás e retirar a súa candidatura ás primarias na provincia para abrir paso a un novo proxecto. Concluída a votación deste domingo, o socialismo ourensán encara a celebración do V Congreso Provincial Ordinario, previsto para o vindeiro 18 de maio.