Álvaro Vila, proclamado novo secretario xeral do PSdeG de Ourense

O PSdeG-PSOE de Ourense clausurou esta tarde o 5º Congreso Provincial no que Álvaro Vila Araújo, vencedor das últimas eleccións primarias, foi proclamado secretario xeras das e dos socialistas. Neste proceso congresual celebrado en Santa Cruz de Arrabaldo, participaron máis de 250 persoas entre delegadas, delegados, convidadas e convidados, cunha mesa presidida por Diego Alonso e no que tiñan dereito a voto 96 delegadas e delegados.
Durante a súa intervención na clausura do congreso, o novo secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo, sinalou que “hoxe non comeza un camiño novo, senón un novo tramo dun percorrido que compartimos”. O novo líder das e dos socialistas ourensáns tamén apuntou a que “estamos aquí porque cremos na política como ferramenta para cambiar vidas, para construír unha sociedade máis xusta, máis igualitaria e máis libre”.
“Ourense esixe compromiso, Ourense esixe que sexamos reivindicativos, que levantemos a voz e nos fagamos escoitar”, relatou Vila, antes de destacar que “o PSdeG-PSOE ten que ser a panca do cambio, temos que loitar por reverter o problema do despoboamento, temos que loitar por unha Galicia interior con futuro”. Neste senso o secretario xeral das e dos socialistas ourensáns afirmou que “temos que loitar pola innovación no rural, pola mellora dos servizos públicos, polo transporte digno, pola conectividade e polo acceso á vivenda”.
Álvaro Vila expuxo durante a súa intervención que o primeiro compromiso que asume como secretario xeral “é o da unidade”, xa que segundo relatou “unidade non significa uniformidade, significa respecto entre compañeiras e compañeiros, significa sabes que hai un obxectivo común máis aló das diferencias, e ese obxectivo non é máis que saber que estamos para mellorar a vida da xente”. Asemade tamén destacou que “o PSdeG-PSOE de Ourense ten que ser un partido unido ao servizo da xente” e subliñou que “aquí non haberá siglas secundarias, nin divisións internas, aquí caben todas as sensibilidades e todas as voces, porque todas enriquecen este proxecto”.
“Necesitamos un partido forte, activo, pegado ao territorio e que recupere músculo en cada comarca, en cada concello, que escoite a cada agrupación”, relatou Vila, antes de apuntar a que “vamos saír a rúa, a reencontrarnos ca xente, a mirarlle aos ollos e a dicirlles que estamos aquí para eles, porque sen participación, non hai proxecto de futuro”.
O novo secretario xeral do PSdeG-PSOE de Ourense puxo o foco tamén no traballo, explicando que “traballaremos por unha provincia máis igualitaria, onde nacer nun pequeno concello non sexa sinónimo de ter menos oportunidades, onde as mulleres non teñan que renunciar a súa carreira profesional por falla de conciliación, onde a xuventude poida soñar con quedarse, con emprender ou con formar unha familia”. Tamén fixo fincapé en que “imos avanzar no eido social, nas infraestruturas, no medio ambiente, na cultura, na igualdade, e tamén na financiación xusta, equitativa e con criterios obxectivos dos concellos da provincia”.
Por último, Álvaro Vila fixo un convite aos presentes a “camiñar ao noso lado para construír un PSdeG-PSOE máis forte, máis aberto, máis útil e no que levantemos a voz pola nosa terra, pola nosa xente e polo futuro que merecemos”. Asemade sinalou que “Ourense non está condenada ao abandono, está chamada ao renacemento e nós, dende o socialismo, estamos chamados a liderar ese renacer”.
O comité provincial está formado por 73 persoas e nova comisión executiva está composta por 34 persoas, sendo Antonio González Fiuza o novo secretario de organización e Marina Vaz, a vicesecretaria xeral.
As porcentaxes de aprobación dos órganos foron os seguintes:
- Executiva provincial: 94,37 %
- Comité provincial: 94,37 %
- Comisión de ética: 94,29 %
- Representante comité federal: 94,37 %