Amancio Prada actuará na Festa dos Maios de Ourense

A Festa dos Maios de Ourense contará este ano coa actuación de Amancio Prada, nunha edición que se celebrará o vindeiro día 3. Polo momento, é o único concerto confirmado dentro da programación musical desta cita tradicional, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.
A celebración dos Maios é unha das máis antigas e singulares do calendario galego. Vinculada ao inicio da primavera e a antigos rituais relacionados coa fertilidade e a renovación da natureza, a festa mantén viva unha tradición que en Ourense se celebra desde comezos do século XX o primeiro domingo de maio. Durante a xornada, veciños e visitantes participan na elaboración e exhibición de figuras vexetais realizadas a man, acompañadas das tradicionais coplas.
En relación coa programación cultural deste ano, cómpre lembrar que o pasado ano o Concello anunciou a súa intención de impulsar un festival de música folk coincidindo cos Maios de 2026. Segundo aquel anuncio, o novo evento tería formato de dous días, sábado e domingo, e incluiría actuacións de músicos de prestixio, ademais de actividades paralelas como obradoiros de elaboración de instrumentos, conferencias ou concertos didácticos.
Porén, a día de hoxe non se deron a coñecer novos detalles sobre a organización dese festival, máis alá de terse producido un encontro entre o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e o artesán Manuel Brañas, fundador do grupo Brañas Folk, para avanzar nesta iniciativa. Polo momento, a única actuación confirmada dentro dos Maios 2026 é a de Amancio Prada.