Amencer leva ao teatro dos Salesianos o XXX Boscomusic, un concerto solidario a favor de Proxecto Home

A Asociación Xuvenil Amencer mantén en marcha a súa programación de vacacións baixo o paraugas de 'Nadal en Amencer', un calendario de propostas para diferentes idades no que se inclúen iniciativas xa consolidadas como as XVIII Mañás de Nadal, XXV A Tope na Ponte en Nadal, o propio XXX Boscomusic, as XXIV 24 horas de fútbol sala, o XXII 3x3 de baloncesto, IV Amencer á carta e actividades internas da entidade.
Entre as citas destacadas figura o XXX Boscomusic, un festival musical solidario que Amencer organiza cada ano e que nesta edición cumpre tres décadas de traxectoria. O concerto celebrarase o sábado 3, ás 19.00 h, no teatro dos Salesianos. As entradas terán un prezo simbólico de 3 euros e poderán mercarse nos días previos e tamén o mesmo día na porta. A recadación das entradas, xunto cos beneficios do bar habilitado para a ocasión, destinarase a Proxecto Home de Galicia, como xa se vén facendo desde os inicios do evento.
O festival contará con máis de 30 músicos sobre o escenario e un equipo técnico de máis de 10 persoas (son, iluminación e gravación de audio e vídeo), ademais do grupo de organización, que leva preparando a cita durante as festas. Nesta edición participarán bandas e artistas ourensáns de estilos diversos, desde rock e pop ata canción de autor e versións en formato acústico, con temas propios e repertorios variados. Entre os nomes anunciados figuran Atlanticides, Rockhub, Fran e Martín, Fireplug, Syntomia, Hyperakusia, Old Stars, Nahlax, Biobroken e Emelate.
Dende Amencer subliñan tamén o carácter xeracional do Boscomusic, xa que boa parte do equipo técnico colaborou en edicións anteriores e algúns dos seus integrantes traballan hoxe profesionalmente no sector musical, reservando cada ano estas datas para volver participar nunha das citas xuvenís máis representativas do Nadal ourensán.