Amencer reforza o Nadal en Ourense cunha programación de lecer educativo e grandes citas xuvenís

A Asociación Xuvenil Amencer volve converter o Nadal nun tempo de actividade en Ourense cun programa que mestura lecer, educación e convivencia para rapazada de diferentes idades. Baixo o paraugas de ‘Nadal en Amencer’, a entidade reúne iniciativas con longa traxectoria e outras fórmulas máis flexibles, co obxectivo de ofrecer alternativas de tempo libre nestas datas.
Entre os proxectos habituais figuran as ‘Mañás de Nadal’ e diferentes encontros deportivos e culturais que se manteñen como referencia dentro do calendario da asociación, xunto a propostas como ‘Amencer á carta’, que permite reservar espazos para grupos informais que queiran reunirse, xogar ou practicar deporte nun entorno seguro.
Como novidade destacada destes días, Amencer incorpora tamén o Torneo 3x3 de Reis, previsto para o sábado 3 de xaneiro de 2026 en horario de 11.00 a 14.00 h. A organización fixa como data límite de inscrición o venres 2 ás 18.00 h, cun sorteo programado o propio sábado ás 10.45 h. O prezo de inscrición é de 8 euros.