Ampliarase a rede de saneamento municipal de Vilar de Ordelles-O Pinto-Laioso

OurenseXa
Así o acordaron a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o rexedor de Esgos, Mario Rodríguez
alcalde-Esgos-e-Xunta
23 Ago 2024

A Xunta de Galicia e o Concello de Esgos colaborarán na posta en marcha do proxecto para a ampliación da rede de saneamento municipal de Vilar de Ordelles-O Pinto-Laioso e a súa posterior conexión coa estación depuradora existente na Cambela.

Así o acordaron a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o rexedor ourensán, Mario Rodríguez, durante unha recente reunión para abordar este e outros asuntos de interese municipal no marco das competencias que ten atribuídas o departamento autonómico.

Segundo lle explicou o alcalde, a ampliación conta cun proxecto xa redactado e permitiría optimizar o actual funcionamento da EDAR de Cambela, ao tempo que resaltou a importancia da actuación para o municipio, xa que beneficiaría a aproximadamente 400 veciños dos 1.116 cos que conta este concello ourensán.

Así mesmo, Ángeles Vázquez tamén se comprometeu a que Augas de Galicia estudará ao detalle o proxecto do concello para garantir o abastecemento de Tarreirigo-Vilar a través da instalación de 1,5 quilómetros de tubaxes.

Aínda que as competencias en materia de saneamento, depuración e abastecemento de augas son municipais, cómpre lembrar que a Xunta presta o seu apoio técnico e económico aos concellos galegos para contribuír a que poidan exercelas do xeito máis eficiente e presten uns servizos de calidade á súa veciñanza.

De feito, este ano Augas de Galicia conta cun orzamento de case 110 millóns de euros reservado para obras relacionadas co saneamento e coa mellora dos sistemas de abastecemento á poboación.

0.10828804969788