Ana Belén Fernández Valado asume a presidencia de AEPA Ourense

Ana Belén Fernández Valado asumiu a presidencia da Asociación Empresarial de Profesionais e Autónomos de Ourense (AEPA Ourense), tras exercer previamente como vicepresidenta da entidade. A transición prodúcese despois da etapa liderada por David Martínez Alonso, a quen a asociación recoñece “o traballo desenvolvido ao fronte da organización”.
Coa súa chegada, AEPA Ourense reforza o seu compromiso co fortalecemento do traballo autónomo, a representación activa do colectivo profesional e a xeración de espazos de diálogo coas administracións e cos axentes económicos da provincia. A nova presidenta sinala que o seu obxectivo é consolidar o traballo desenvolvido nos últimos anos e continuar promovendo a interlocución institucional, a formación especializada e o acompañamento a profesionais e autónomos nun contexto económico en constante transformación.
Entre as principais liñas de actuación destacan o reforzo do apoio ao autoemprego, a actualización normativa, o impulso da dixitalización con enfoque práctico e a mellora da competitividade dos pequenos negocios, así como a defensa dos intereses do colectivo ante os retos actuais en materia fiscal, laboral e de Seguridade Social.
Desde AEPA Ourense subliñan a importancia de traballar de forma coordinada con outras entidades empresariais, coas institucións públicas e co tecido produtivo provincial, co fin de contribuír ao desenvolvemento económico e social da zona.
Neste novo mandato, Ana Belén Fernández Valado destaca que, nunha provincia como Ourense, onde o traballo autónomo constitúe “un pilar estructural do modelo económico”, a asociación ten un papel que vai máis alá da mera representación sectorial. “AEPA Ourense debe ser non só un espazo de representación, senón unha ferramenta estratéxica ao servizo do territorio, desde a que o colectivo autónomo e profesional fortaleza a súa estrutura, mellore o seu posicionamento e consolide a base económica e produtiva de Ourense”, afirma a nova presidenta.