Ana María Carmen Blanco, nova presidenta da Audiencia Provincial de Ourense

OurenseXa
Trátase da primeira muller que exercerá no cargo, o que asegura que supón “un fito no camiño cara á igualdade na carreira xudicial”
xuiz-xulgado-xustiza
18 Jun 2025

O pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) nomeou hoxe a Ana María del Carmen Blanco Arce presidenta da Audiencia Provincial de Ourense. A maxistrada é a primeira muller en presidir o alto órgano xudicial provincial, o que supón, segundo Blanco, “un fito no camiño cara á igualdade na carreira xudicial”. Tras a elección, manifestou o seu desexo de exercer o cargo con "rigorosidade, independencia e sentido institucional”, á vez que subliñou que a súa prioridade é “garantir unha Xustiza eficaz, moderna e accesible á cidadanía”.

Ademais, engadiu que, nestes intres, é de “vital importancia” reforzar, “con medios materiais e, sobre todo, persoais, os órganos xudiciais da provincia ante a inminente implementación da Lei Orgánica 1/25”. A recentemente nomeada presidenta da Audiencia Provincial de Ourense tamén quixo agradecer a confianza depositada nela polo pleno do CXPX e comprometeuse a seguir “traballando polo futuro da Xustiza na provincia".

En canto a súa traxectoria, ingresou na carreira xudicial en 1987, sendo o seu primeiro destino o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución do Carballiño. En 1989 exerceu como titular do Xulgado do Penal número 1 de Ourense e, desde 2004, exerce as súas funcións como maxistrada da Audiencia Provincial de Ourense. Na actualidade é a presidenta da sección segunda (penal) do alto órgano xudicial provincial.

⚙ Configurar cookies
0.15093898773193