Ana Pavón gaña o XVIII Certame Internacional de Artes Plásticas para Artistas Emerxentes da Deputación de Ourense

A Deputación de Ourense entregou este venres os premios do XVIII Certame Internacional de Artes Plásticas para Artistas Emerxentes, no que participaron preto de 300 obras de creadores de diferentes países.
O primeiro premio, dotado con 5.000 euros, foi para a malagueña Ana Pavón Porras (Coín, 1996) pola pintura de gran formato Gineceo II. A obra, de 195 x 200 cm, alude ao espazo doméstico reservado ás mulleres na antiga Grecia e pasará a formar parte do patrimonio artístico da Deputación.
O segundo premio recaeu en Carlos Fer (Carlos Fernández López) por Pintura pechada III, un acrílico sobre lenzo intervido con pestillos e tiradores. O terceiro galardón foi para Julio Catalán Rubinos por Crash, unha instalación realizada con restos de faros traseiros de coche e arames.
Ademais, concedéronse dous accésits a Antía Iglesias por Hybrid Plant e a Mar Soriano por Las partes en las que tengo que plegar un rascacielos.
O xurado estivo formado por Xosé Manuel Buxán Bran, decano da Facultade de Belas Artes de Pontevedra (UVIGO); Santiago Olmo, director do CGAC; os artistas e comisarios Rosendo Cid e Ángel Cerviño; e Eva Torres, directora dos espazos expositivos do Concello de Ourense. O secretario foi Francisco González, director do Centro Cultural Marcos Valcárcel.
A edición inclúe tamén unha exposición con 26 obras seleccionadas, aberta ao público desde este venres ata o 2 de novembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel.
No acto, o vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, salientou o compromiso da institución co apoio ao talento emerxente, non só no ámbito artístico, senón tamén no deportivo e social.
Os artistas participantes procedían de España, Portugal, México, Colombia, Croacia, Ecuador e outros países.