Ana Pontón defende en Ourense unha PAC adaptada á realidade do sector agrogandeiro

OurenseXa
O BNG fai un chamamento á mobilización masiva o vindeiro domingo "para ter unha voz que defenda os intereses de Galicia na UE"
Ana Pontón chama á movilización para as elecciones Europeas
4 Xuño 2024

A portavoz nacional, Ana Pontón, e a candidata cabeza de lista ás europeas, Ana Miranda, fixeron en Ourense un chamamento á mobilización masiva o vindeiro domingo enchendo as urnas con papeletas do BNG para ter unha voz forte que defenda os intereses dos galegos e as galegas na UE e parar, tamén en Bruxelas, a discriminación de Galiza.

A candidatura do Bloque, agregou, é a “candidatura do País”, a do “equipo da casa” fronte ás forzas estatais que non queren que nesta campaña se fale do que se xoga Galiza este domingo. “Vemos ao bipartidismo moi empeñado en falar de todo menos do que fixeron en Europa; que se Sánchez, que se Feijóo, que se insulto para arriba e insulto para baixo”, censurou.

“Queren converter esta campaña nunha extensión da crispación madrileña para non dar explicacións do seu empeño en encher o noso territorio de eólicos para que o lobby eléctrico se siga forrando a costa de todos nós; non queren falar de por que non dan a batalla contra unha Política Agraria Común que deixa tiradas a miles de persoas no rural, que non garante prezos xustos para os produtores e as produtoras, que supón un reparto das axudas da PAC que nos discrimina”, puxo como exemplo.

A portavoz nacional garantiu, neste sentido, que o escano do BNG servirá para loitar en Bruxelas por “unha reforma da PAC que teña en conta a realidade e as necesidades do noso sector agrogandeiro, incluíndo o sector vinícola tan importante en Ourense, onde están catro das cinco denominacións de orixe do País.

Unha PAC que garanta un trato xusto no reparto de axudas, para que non suceda o de agora, afondou, argumentando que Galiza só recibiu en 2022 uns 106 millóns de euros dos 4.177 que sumou o conxunto do Estado das axudas de pago básico, as máis importantes da Política Agraria Común. Pontón denunciou así as “migallas” que veñen ao sector agrogandeiro galego, clave para manter o rural vivo, porque en Europa se apostou por unha PAC que distribúe as axudas en función da superficie, e ese é un criterio que prexudica ás nosas explotacións.

“Defendemos unha PAC que en lugar de recortar e limitar permita desenvolver todo o noso potencial produtivo, porque o sector agrogandeiro é clave para Ourense e para todo o País”, manifestou Pontón, que criticou tamén o papel das forzas estatais “que queren poñer por diante do noso rural os intereses das multinacionais”, como está a suceder con Altri.

Pontón advertiu contra o “capitalismo de amiguetes” que, dixo, practica o PP, cun Rueda que actúa como “comercial del Altri” incluso “buscando fondos públicos europeos para unha bomba ambiental que vai contaminar o noso rural e destruír miles de postos de traballo”. “O voto do non a Altri, dos que queren defender o rural e o medio ambiente é o do BNG”, afirmou a líder nacionalista, criticando tamén a posición do PSOE que “nin sabe, nin contesta” malia que vai ser o Goberno socialista quen determina se 250 millóns de fondos europeos van parar a mans da multinacional portuguesa “para destruír o noso rural e encher o País de eucaliptos”.

“Na papeleta do BNG collen todas as persoas que teñen a súa cabeza e o seu corazón no País, todas as que están fartas de ver como discriminan a Galiza en Madrid e en Bruxelas”, proclamou Pontón.

“A garantía de que Galiza estea representada en Europa é o Bloque”, asegurou, referíndose a Ana Miranda e ao seu traballo nos últimos anos como o mellor aval de que despois do 9-X haberá alguén que de verdade “dea a cara” nas institucións europeas por aqueles temas que máis preocupan á cidadanía, como o acceso á vivenda, o futuro da mocidade ou a defensa do medio ambiente e dos nosos sectores produtivos.

A portavoz nacional destacou que as eleccións do 9-X “van tamén da dignidade dun País” e de aí a súa chamada a coller “con orgullo e ilusión” a papeleta do BNG “para defender os nosos intereses, porque non queremos ser máis pero tampouco menos que ninguén e, ao mesmo tempo, defender a construción doutra Europa, social, xusta, da paz, a Europa dos pobos”, concluíu.

Ana Miranda, pola súa banda, comprometeuse a seguir defendendo en Europa os temas importantes de Ourense, tal e como fixo até o de agora levando a Bruxelas a voz dos produtores ecolóxicos, a defensa dun modelo forestal que non estea baseado no eucalipto, a loita contra os incendios, a necesidade de protexer o sector do viño ou a reclamación de que se establezan prezos xustos para os produtores e as produtoras.

Do mesmo xeito que o BNG loitou pola rexeneración da ría do Burgo, nesta nova etapa traballará por acadar por fin o saneamento dos ríos ourensáns, “do Barbaña o Limia, e do encoro das Cunchas”, agregou Miranda, quen avogou ademais por seguir denunciando ante as institucións comunitarias as “demencias dos parques eólicos”.

A carón das vítimas do Alvia, en busca de verdade e a xustiza

A cabeza de cartel nacionalista fixo reconto dos temas de País que nestes últimos anos foron tratados en Europa grazas ao Bloque e, neste sentido, asegurou sentirse especialmente orgullosa do traballo feito a carón das vítimas do Alvia, apoiando as súas reivindicacións ante as institucións comunitarias en busca da verdade sobre o tráxico accidente ferroviario acontecido en Santiago e para evitar que no futuro se produza outro similar.

“O BNG sempre estivo onde tiña que estar, defendendo a verdade e a xustiza” fronte a sistemática estratexia de ocultación de PP e de PSOE, “que o único que fixeron foi poñer atrancos”, afirmou.

Miranda concluíu asegurando que “fronte a un PP e un PSOE obedientes a Madrid, o escano do BNG en Bruxelas será o escano que defenderá os intereses de Galiza, libre, sen intermediarios, porque ao único que lle temos que dar contas é ao Pobo Galego. Non coma outros, que teñen que pedir permiso”.

0.076226949691772