Ana Pontón esixe á Xunta a paralización inmediata do traslado Materno

OurenseXa
A líder nacionalista criticou ao titular da Xunta que o único que ten que ofrecerlle ás ourensás son “mentiras e unhas condicións deplorables á hora de dar a luz”
manifestacion-chuo-ana-ponton-partos-arrolos-de-teta
Mobilización no CHUO polo traslado do Materno
14 Jul 2025

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou esta mañá xunto ao portavoz municipal, Luís Seara, e a deputada Noa Presas na concentración convocada por distintos colectivos ante a situación de deterioro do Materno-Infantil de Ourense.

A líder nacionalista esixiu á Xunta “que paralice o traslado do Materno-Infantil de Ourense até que lles ofreza ás mulleres ourensás unha alternativa que garanta poder dar a luz en condicións dignas, con todas as garantías sanitarias e respectando a súa intimidade”, e acusou ao Goberno de Alfonso Rueda de querer “que as mulleres de Ourense dean a luz nunhas condicións que son deplorables e propias dun país terceiromundista e non dun país desenvolvido”.

Pontón mostrou así o apoio do BNG ás demandas destes colectivos e da comunidade sanitaria en defensa do dereito das mulleres a parir en condicións dignas. “Quero preguntarlle ao señor Rueda se de verdade considera que, en pleno século XXI, as mulleres de Ourense teñan que parir nunhas condicións que son terceiromundistas, se realmente considera normal que as mulleres teñan que parir nunha zona onde non hai lavabos nin auga corrente, se considera que unha muller durante o seu proceso de dilatación pode estar nunha sala na que non ten a máis mínima intimidade”, cuestionou.

A líder nacionalista criticou ao titular da Xunta que o único que ten que ofrecerlle ás ourensás son “mentiras e unhas condicións deplorables á hora de dar a luz” e recordou que o Bloque xa leva moito tempo denunciando a “situación gravísima” que se vive no CHUO.

“Pasamos de ter un hospital que cae a cachos a ver como o señor Rueda o que fai é programar un traslado absolutamente chapuceiro, improvisado e que non garante unhas condicións dignas para que se poida producir un parto”, criticou, para lembrar a continuación que esta non é unha denuncia do BNG, senón das mulleres de Ourense e do propio persoal que traballa no Materno-Infantil.

Pontón reprochou ao Executivo do PP que non garanta “as condicións mínimas que se establecen nos protocolos internacionais”, nin escoite as reclamacións realizadas por diferentes sectores profesionais, polas propias mulleres que teñen que parir no CHUO e polo movemento feminista. Neste sentido, cualificou de “auténtica chapuza” un traslado denominado provisional, pero que, na práctica, vai supoñer un mínimo de cinco anos nunhas condicións que, incidiu, “non garanten os dereitos das mulleres” en todo o que ten que ver, cos requisitos establecidos, co parto e logo coa atención aos nenos e nenas que acaban de nacer.

“Nós preguntámonos se é que o señor Rueda e o seu goberno non teñen competencia para poder facer algo mellor ou se simplemente o que estamos vendo é como non lles importa un bledo en que condicións poidan parir as mulleres”, afondou.

Pontón incidiu ademais en que para o BNG “é gravísimo” que se pretenda perpetrar “unha chapuza deste calibre”, que “non se garanten os dereitos das mulleres” e que “se queira pasar por riba de todo” nunha cuestión tan importante como é a atención ás mulleres durante o parto e tamén aos fillos e fillas unha vez que nacen.

⚙ Configurar cookies
0.16769003868103