“Antes que un equipo de fútbol, somos un grupo de amigos”

OurenseXa
Iván Currás, xogador do Veteranos Loñoá, conta como este club formado fai aproximadamente 13 anos logrou na tempada pasada alzarse cos títulos de campións de liga e subcampións da Copa de Galicia e da Copa da División de Honra
Club Veteranos Loñoá
Club Veteranos Loñoá
30 Mar 2025

Por Raquel Pérez

Fai aproximadamente 13 anos, un grupo de amigos que formaran parte da liga federada decidiu crear o Club Veteranos Loñoá. Iván Currás, un dos integrantes do equipo, comenta que o nacemento do club coincidiu coa rehabilitación do campo municipal da Carabina. "A idade é a que te vai retirando do fútbol, e agora seguimos co equipo de Veteranos", explica.

Unha tempada desafiante

O ano pasado, o equipo tivo unha tempada inesquecible: campións de liga, subcampións da Copa de Galicia e da Copa da División de Honra. "Este ano hai dous equipos que se reforzaron moi ben, fichando xogadores de outras categorías que poderían estar xogando en Preferente federada", explica Currás. Ademais, outro equipo recuperou xogadores que deixaran a federada, subindo aínda máis o nivel da competición. No seu caso, comenta, "perdemos xogadores clave, como Bruno, que o ano pasado marcou unha gran diferenza". A pesar diso, a meta segue sendo manterse nos postos altos da táboa e centrarse na Copa, que se disputa ao final da tempada.

A tempada pasada foi a primeira vez que o Club Veteranos Loñoá xogou a final da Copa de Galicia. “A Copa de Galicia xógana os campións de liga e os segundos clasificados. O ano anterior rematamos segundos, pero non puidemos xogar porque o campión era o que tiña a praza”, explica Currás. O equipo levaba tres anos quedando entre os tres primeiros, pero foi tras gañar a liga cando puideron disputar o torneo. “Pasamos as semifinais contra Moaña e xogamos a final contra un equipo de categoría superior. Non puidemos gañar, pero quedamos subcampións”.

Un resultado excepcional para un equipo que xa é unha familia. "O noso equipo non está formado por xogadores de alto nivel. Quitando a Bruno e algún outro, a maioría viñemos da Segunda Rexional de fai anos. Somos xogadores que seguimos xogando despois dos 30 e pico anos". Para Currás, a clave do éxito radica na compenetración. "Non temos un conxunto con grandes individualidades, pero levamos tantos anos xogando xuntos que coñecémonos moi ben e competimos mellor".

O nivel do fútbol de veteranos cambiou co paso do tempo, explica Currás. "Cando ascendemos a División de Honra, antes da pandemia, había un nivel altísimo. No noso primeiro ano na categoría, terminamos cuartos con moito esforzo porque había equipos moi bos, con xogadores que incluso tiveron xogando na Segunda División", lembra Currás. Porén, despois da pandemia, o nivel baixou lixeiramente. "Os equipos de veteranos envellecen, a xente vai deixando o fútbol e non sempre entra xente nova para substituílos". Non obstante, nos últimos anos, algúns equipos ficharon xogadores de calidade, facendo que a competición volva ser máis esixente.

Unha familia dentro e fóra do campo

A pesar dos desafíos, o Club Veteranos Loñoá nunca tivo problemas para encontrar xogadores. "Antes que un equipo de fútbol, somos un grupo de amigos. Os xogadores que estamos desde o inicio non solemos faltar", sinala Currás. O equipo caracterízase por ser selectivo nos seus fichaxes: "Buscamos xogadores que teñan algún vínculo coa zona, con Loñoá". En canto ao ambiente no vestiario, a clave é a unión. "O vídeo da celebración cando gañamos a liga o ano pasado é incrible. Para ser un equipo de veteranos tivemos moito apoio de familiares e veciños". O apoio das súas familias é fundamental, explica. “Algúns levamos máis de 20 anos xogando xuntos. As nosas parellas e os nosos fillos acompáñannos, veñen aos partidos, celebran con nós”. Ademais, o equipo organiza xantares e eventos nos que participan tamén as súas familias, fortalecendo aínda máis os lazos entre os xogadores.

O apoio da xente do pobo tamén é un pilar fundamental para o equipo. "No inverno é máis complicado porque fai frío e a xente non sol vir tanto. Pero nos partidos de Copa do ano pasado, por exemplo, en Moaña, levamos moita xente no autobús de volta", conta Currás. O que máis sorprendeu aos xogadores foi a cantidade de persoas que os seguiron durante a tempada. "Que un equipo de veteranos teña tanto apoio é de agradecer. En teoría, non é un fútbol tan atractivo como o federado, porque o ritmo é outro, pero creo que somos o equipo de veteranos que máis xente move nos partidos".

Como moitos equipos de veteranos, o Club Veteranos Loñoá comezou autofinanciándose. "Temos que pagar un seguro privado do noso peto e cada xogador aporta unha cota mensual", explica Currás. Porén, dende que o equipo se converteu nunha asociación legalmente rexistrada, da que Currás é presidente, o Concello lles outorga unha pequena subvención. Ademais, contan con patrocinadores que os axudan co equipamento e outros gastos. "Organizamos rifas en Nadal e coa recadación dos partidos conseguimos cartos extra". Grazas a estas iniciativas, o equipo goza dunha economía estable. "Intentamos xerar ingresos extra para que non todo saia do peto dos xogadores. Así, podemos gozar máis e ter estabilidade económica".

O Club Veteranos Loñoá non é só un equipo de fútbol, é unha familia dentro e fóra do campo, un grupo que segue medrando con paixón e compromiso.

⚙ Configurar cookies
0.15088200569153