AODEMPER conmemora o Día Internacional do Parkinson

OurenseXa
Este venres haberá unha mesa informativa no CHUO para sensibilizar a cidadanía e dar visibilidade ás persoas que conviven con esta enfermidade
A CORUÑA parkinson
10 Apr 2026

Con motivo do Día Internacional do Parkinson, que se conmemora cada 11 de abril, a Asociación Ourensá de Esclerose Múltiple, Parkinson e Enfermidades Raras (AODEMPER) puxo en marcha distintas iniciativas para sensibilizar a cidadanía e dar visibilidade ás persoas que conviven con esta enfermidade.

A entidade, integrada na Federación Española de Parkinson, lembra que máis de 8,5 millóns de persoas en todo o mundo viven con esta patoloxía, segundo datos da Organización Mundial da Saúde. Trátase dun trastorno neurodexenerativo crónico que non só afecta ao movemento, senón tamén ao estado emocional, ao sono, á comunicación e á autonomía persoal.

Aínda que o Parkinson adoita asociarse ao envellecemento, dende a asociación advirten de que un 15% dos casos se diagnostican antes dos 50 anos, o que evidencia a necesidade dunha maior concienciación social e dunha visión máis ampla da enfermidade.

Neste contexto, o movemento asociativo impulsou unha campaña de sensibilización que convida a cidadanía a poñerse na pel de quen a padece, mostrando como cambian as reaccións do contorno cando o corpo se afasta do considerado “normal”. A iniciativa baséase en testemuños reais e articúlase arredor da mensaxe “Non son Parkinson”, coa que se reivindica que as persoas afectadas manteñen a súa identidade, proxectos e dereitos máis alá do diagnóstico.

Entre outras actividades, AODEMPER terá instalada este venres unha mesa informativa no Edificio de Cristal do Complexo Hospitalario de Ourense, en horario de 10:30 a 13:30 horas, co obxectivo de achegar esta realidade á cidadanía.

0.12195920944214