AODEMPER e o CHUO conmemoran o Día da Esclerose Múltiple

OurenseXa
En Ourense preto de 600 persoas, dúas de cada tres mulleres, conviven a diario cun diagnóstico deste tipo
mesa-aodemper-dia-esclerose-multiple
Mesa de AODEMPER polo Día da Esclerose Múltiple
30 May 2025

Con motivo do Día Mundial da Esclerose Múltiple (EM), o Servizo de Neuroloxía do Hospital Universitario de Ourense súmase á campaña global de visibilización e apoio ás persoas afectadas por esta enfermidade neurolóxica, participando activamente nas iniciativas impulsadas pola Asociación Ourensá de Esclerose Múltiple, Párkinson e Enfermidades Raras (AODEMPER).

En Ourense preto de 600 persoas, dúas de cada tres mulleres, conviven a diario cun diagnóstico de esclerose múltiple, unha enfermidade neurolóxica crónica, de carácter autoinmune, que nos últimos anos ten experimentado un gran avance nos tratamentos, máis efectivos e incluso limitados no tempo, mellorando cada vez máis o control da enfermidade e a calidade de vida dos pacientes, dos que dúas de cada tres son mulleres.

A maior efectividade dos tratamentos e o diagnóstico precoz fai que aumente a súa prevalencia, cun cada vez maior número de pacientes a seguemento, cunha periodicidade variable. Para elo a Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras conta cunha consulta específica no Servizo de Neuroloxía, coordinada coa do Servizo de Farmacia, clave tamén para o contacto cos pacientes e dispensación dos tratamentos, todos eles cubertos ao 100% e de recollida no hospital de referencia.

DIAGNÓSTICO

O xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Santiago Camba, xunto outros membros do equipo directivo, sumaronse ao xefe do servizo de Neuroloxía, Daniel Apolinar García Estévez, e a enfermeira da consulta de esclerose múltiple, Nuria Suárez, na visita á mesa informativa instalada por AODEMPER no propio hospital, onde se proporcionou información á cidadanía e se destacou a importancia dun diagnóstico precoz, así como do seguimento especializado e continuo.

O responsable do servizo salientou que na actualidade os profesionais están “moi sensibilizados coa multitude de síntomas que pode presentar a esclerose múltiple”, e destacou que en Ourense disponen da “tecnoloxía e ferramentas avanzadas para analizar o cerebro e a médula espiñal, tanto para detectar as lesións características da EM, como para avaliar os parámetros inflamatorios no líquido cefalorraquídeo” Así mesmo, apuntou que “o uso de novos neuromarcadores en soro, como os neurofilamentos, están a permitir un diagnóstico cada vez máis precoz, así como un mellor seguemento da enfermidade e da resposta aos tratamentos”.

O xefe de servizo puxo tamén en valor os novos tratamentos farmacolóxicos, cunha alta taxa de efectividade, capaces de evitar brotes e frear a progresión da enfermidade, así como de preservar a función cognitiva. Neste último eido, destacou as vantaxes de disponer dunha intraconsulta cunha psicóloga clínica e a implementación do programa Gymchess, orientado a reforzar as capacidades cognitivas dos pacientes.

O Universitario de Ourense é un dos hospitais centros pioneiros no emprego do Gymchess, unha ferramenta innovadora de adestramento cognitivo baseada no xadrez, e deseñada para mellorar e manter as funcións mentais, sen necesidade de coñecer as regras do xogo. De deseño nacional, foi desenvolvida polo neuropsicólogo Juan Antonio Montero e o seu equipo do Club Magic Extremadura, que xa visitaron o centro ourensán coincidindo co campionato de xadrez, promovido polo Servizo de Neuroloxía e Atención ao Paciente Humanización coordinadamente coa asociación de Alzheimer (AFAOR). Gymchess utiliza a metodoloxía ECAM (Entrenamiento Cognitivo a través del Ajedrez), aplicada con éxito durante máis dunha década en talleres presenciais e dixitais.

TRABALLO COORDINADO

Daniel Apolinar fixo especial fincapé na importancia do traballo coordinado e multidisciplinar, poñendo en valor o papel fundamental da enfermaría especializada, tanto no seguemento clínico como no acompañamento emocional e educativo dos pacientes.
Pola súa parte, Nuria Suárez, enfermeira da consulta de esclerose múltiple, sinala que unha das súas funcións principais é o empoderamento e a educación do paciente desde o mesmo momento do diagnóstico, axudándoo a comprender a enfermidade e a adaptarse ao novo escenario vital. Ademais, destacou o seu labor na coordinación coas distintos servizos unidades hospitalarias, facilitando o tránsito do paciente polo complexo hospitalario e garantindo unha atención máis fluída e personalizada.

Esta colaboración entre o servizo hospitalario e a asociación AODEMPER reflicte o compromiso da área sanitaria de Ourense coa atención integral das persoas con esclerose múltiple, desde a profesionalidade, a empatía e a innovación científica.

0.16624784469604