Aprobada a licenza para a execución da terceira e cuarta fase do Parque Acuático de Monterrei

O Concello do Pereiro de Aguiar deu un novo paso decisivo para o desenvolvemento do Complexo Deportivo de Monterrei coa concesión de dúas importantes licenzas urbanísticas, que suporán un investimento global de máis de 2,3 millóns de euros. A medida foi aprobada esta semana na sesión da Xunta de Goberno local, presidida polo alcalde Luis Menor.
Por unha banda, concedeuse a licenza para a renovación e mellora da pista de atletismo de Monterrei, unha infraestrutura clave no eido deportivo do municipio. A obra, promovida pola Xunta de Galicia, conta cun orzamento superior aos 453.000 euros e permitirá avanzar cara á completa homologación da pista, dotándoa das condicións técnicas necesarias para a práctica e competición de alto nivel.
En paralelo, tamén se autorizou a licenza urbanística para a execución da terceira e cuarta fase do Parque Acuático, un dos proxectos máis emblemáticos do municipio. A terceira fase contempla a construción de tobogáns de “gran adrenalina”, que dotarán ao recinto de novos atractivos pensados para os amantes das emocións fortes. Pola súa banda, a cuarta fase incluirá a creación dun parque multiaventura, con estruturas que permitirán desestacionalizar o uso do complexo, ao non depender exclusivamente da tempada estival como ocorre con outras áreas acuáticas.
O orzamento conxunto destas dúas fases ascende a 1.864.883 euros, e nestes momentos atópanse en proceso de licitación.
Luis Menor destacou que “estas obras supoñen un importante paso para consolidar un espazo referente, non só no noso municipio, senón en toda a provincia”, subliñando que “a instalación de Monterrei verase moi mellorada, tanto no ámbito deportivo como no recreativo”. Ademais, incidiu en que “o Parque Acuático é un dos nosos emblemas, do que nos sentimos plenamente orgullosos en Pereiro” e engadiu que “estes proxectos contribúen a atraer turismo e emprego ao concello”.
As obras da terceira fase arrancarán este mesmo verán e está previsto que rematen en 2026. Pola súa banda, a campaña de verán de 2025 comezará o próximo 18 de xuño e estenderase ata o 14 de setembro. Durante estes días, as instalacións do parque acuático permanecerán abertas todos os días da semana, de 12.00 a 21.00 horas de maneira ininterrompida.
Como novidade, este ano incorporarase o mantemento do sistema de depuración da auga, cumprindo cos controis e análises regulamentarios. Ademais, incluiranse os servizos de xestión, mantemento básico e limpeza das instalacións. A prestación destes servizos suporá a contratación de 43 persoas, distribuídas nas seguintes categorías: 19 socorristas, dúas enfermeiras, tres recepcionistas e outras 19 persoas con funcións de mantemento e limpeza. A Fundación Deporte Galego garantirá a presenza continuada de 16 traballadores nas instalacións.