Aprobada a licenza para ampliar o colexio Ben Cho Shey cun orzamento de preto de 2 millóns de euros

A Xunta de Goberno do Concello de Pereiro de Aguiar aprobou esta semana a licenza para ampliar o colexio Ben Cho Shey, un proxecto que contará cunha inversión de preto de 2 millóns de euros (1.898.508 euros).
Os traballos consistirán en aumentar a superficie construída total, fixándoa en 1.324,20 metros cadrados, repartidos en 452,85 metros cadrados en planta semisótano, 435,75 metros cadrados en planta baixa e 435,60 metros cadrados en planta alta.
O proxecto
Na planta semisótano, explican dende o Concello, xerarase un patio cuberto para o alumnado de Infantil, cun novo núcleo de aseos que dá servizo a esta zona de espazos exteriores. Na planta baixa, ampliarase o comedor e o núcleo de aseos, así como dúas aulas máis de Infantil (para 4 e 5 anos). Na planta alta, ampliarase o núcleo de aseos, así como catro aulas máis, unha de música e dúas de desdobre. Tamén crearase unha pérgola cuberta de acceso ao centro, co fin de protexer aos cativos e cativas os días de choiva, e cambiarase tamén o lucernario da cuberta. Por último, crearase maior superficie de arquivo e almacenaxe de cuarto de limpeza.
O alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor, valora este investimento como “unha obra fundamental para o municipio”, especialmente polo “ intenso crecemento demográfico que vén experimentando este concello nos últimos anos”. Explica que o obxectivo dos trabalos é “dar o mellor servizo aos cativos e cativas, así como ao equipo docente que traballo no colexio”.
Novo instituto
Tamén esta semana rematou o prazo e revisión do concurso de ideas para o proxecto do futuro instituto de Pereiro de Aguiar, previo á adxudicación das obras que, segundo informan dende o Goberno municipal, está previsto que comecen a finais de este ano e principios do 2026.
Ambas obras, destaca o alcalde “constitúen un gran proxecto de futuro fundamental para consolidar o asentamento de familias no noso municipio, ao garantir unha educación pública e de calidade no noso municipio en todos os cursos de ensinanza obrigatoria”.