Aprobada a programación de actividades do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo para o vindeiro curso

OurenseXa
Tamén se aprobou a programación da Escola de Artes e Oficios para o curso académico 2024-2025
centro_cultural_marcos_valcarcel_recurso
Centro Cultural Marcos Valcárcel
24 Xul 2024

A Deputación de Ourense  vén de aprobar  a programación de actividades do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo-Escola de Danza, para o curso 2024-2025. As persoas interesadas poderán matricularse nos obradoiros de baile tradicional, canto tradicional e pandeireta, gaita para grupos de acompañamento de baile tradicional, tecido artesán en teares tradicionais, e obradoiro de xogos populares.

A matrícula poderá formalizarse desde o 15 de setembro ata o 31 de outubro, no propio centro de cultura popular, no centro comercial das Lagoas. Os prezos van desde os 40 ata os 55 euros.

Tamén se aprobou a programación da Escola de Artes e Oficios para o curso académico 2024-2025, que inclúe debuxo e pintura, talla e escultura en madeira, modelado-escultura en barro e olería.

O curso desenvolverase entre o día 1 de outubro de 2024 e o 30 de xuño de 2025. O prazo de inscrición estará aberto do 2 ao 30 de setembro e formalizarase no Centro Cultural Marcos Valcárcel. O prezo da matrícula é de 50 euros por disciplina.

Tamén está xa lista a programación da Escola Provincial de Gaitas para o curso 2024-2025, cuxa actividade docente iniciarase o 1 de outubro e rematará o 30 de xuño. Os cursos ofertados son os ciclos elemental, medio, superior e adultos de gaita, percusión, canto e pandeireta, tamén para adultos, e zanfona.

O prazo de matrícula será do 2 de setembro ao 31 de outubro e o prezo por curso académico e materia (gaita, percusión, zanfona, canto e pandeireta) será de 40 euros, con posibilidades de bonificacións.

0.21325302124023