Aprobada por unanimidade unha declaración institucional na Deputación para recoñecer o Campo de Aragón como Lugar de Memoria Democrática

OurenseXa
A iniciativa, promovida polo PSdeG-PSOE de Ourense, pretende dignificar un dos espazos con maior represión documentada en Galicia durante a ditadura franquista
campo-de-aragon-concello-ourense
Campo de Aragón
1 Dec 2025

A Xunta de Portavoces da Deputación de Ourense aprobou este luns por unanimidade unha declaración institucional para solicitar ao Goberno de España o recoñecemento oficial do Campo de Aragón como Lugar de Memoria Democrática. A iniciativa, promovida polo Grupo Provincial Socialista, pretende dignificar un dos espazos con maior represión documentada en Galicia durante a ditadura franquista.

O voceiro socialista e secretario provincial do PSdeG-PSOE, Álvaro Vila, subliñou a importancia histórica e moral deste acordo. “Estamos a falar dun dos lugares máis significativos da represión franquista en Galicia, un espazo que forma parte dunha memoria colectiva que non pode ser esquecida nin silenciada”, afirmou trala aprobación do texto.

Segundo os datos recompilados polo proxecto Nomes e Voces, das tres universidades galegas, no Campo de Aragón foron fusiladas polo menos 119 persoas, unha cifra que se eleva a 133 segundo o historiador Julio Prada na obra Ourense 1936-1939: alzamento, guerra e represión. Este volume de vítimas sitúa o lugar entre os máis afectados pola violencia da época.

Vila lembrou que a Lei de Memoria Democrática define como Lugar de Memoria Democrática aqueles espazos nos que se produciron feitos de relevancia na defensa da liberdade e dos dereitos humanos. Neste sentido, destacou que “preto de 6.000 persoas perderon a vida en Galicia como consecuencia da represión franquista”.

O Campo de Aragón, situado no antigo cuartel de San Francisco e hoxe integrado no espazo que alberga o Auditorio Municipal, a Biblioteca Pública, o Edificio de Artes Escénicas Manuel Suárez Castro e o Arquivo Histórico Municipal, é, segundo Vila, “unha testemuña física en Ourense dunha época de terror e violencia política que a sociedade democrática ten o deber moral de non esquecer”.

A declaración institucional recolle tres peticións principais: solicitar ao Goberno de España a declaración formal do espazo como Lugar de Memoria Democrática, promover a instalación dunha placa que lembre ás persoas detidas, maltratadas e executadas neste punto, e reafirmar o compromiso da Deputación coa memoria democrática como valor común.

Para Vila, “a memoria democrática non é unha cuestión do pasado, senón unha responsabilidade do presente que condiciona o noso futuro como sociedade”. O portavoz destacou tamén que este recoñecemento “ten unha dimensión ética, pedagóxica e política que trascende as lóxicas partidarias”, engadindo que “falar de memoria democrática é falar de xustiza, de verdade e de reparación para as vítimas e as súas familias”.

O dirixente socialista concluíu salientando a importancia da sinalización do lugar. “As persoas executadas no Campo de Aragón loitaron pola democracia e polas liberdades das que hoxe gozamos, e merecen ser recordadas coa dignidade que lles foi negada durante tanto tempo”, sinalou.

⚙ Configurar cookies
0.077180862426758