Aprobadas as bases reguladoras da 43ª edición do Premio de Novela Eduardo Blanco-Amor
A Xunta de Goberno vén de aprobar as bases reguladoras da 43ª edición do Premio de Novela Eduardo Blanco-Amor, convocado pola Deputación de Ourense e a Fundación Blanco-Amor, e dotado con 15.000 euros. O Premio de Novela Eduardo Blanco-Amor ten como principal finalidade fomentar e difundir a literatura en lingua galega. Leva o nome de Eduardo Blanco-Amor en homenaxe a un dos principais escritores de Galicia, que renovou, coa súa obra a narrativa galega. Foi instituído, no 1981, a instancias do Concello de Redondela, e chegou a contar co apoio de corenta e seis concellos de toda Galicia. Desde o 2015 organiza e patrocina este certame a Deputación de Ourense, incorporándose, no 2017, a Fundación Eduardo Blanco-Amor, creada daquela.
Poderán participar no premio as persoas maiores de idade, de calquera nacionalidade, que presenten novelas orixinais, inéditas, non premiadas en ningún outro certame, nin publicadas ou rexistradas, total ou parcialmente, escritas en lingua galega coa normativa ortográfica vixente. Non se poden presentar os/as autores/as premiados/as en edicións anteriores. Poderán presentarse orixinais ata o 24 de xullo de 2024.
No que atinxe á cooperación cos concellos da provincia, a Xunta de Goberno aprobou achegas por un importe total de 206.926,03 euros. Así, ao Concello de A Rúa concédenselle 48.000 euros para a mellora do sistema de tratamento de auga potable no depósito de Santo Estevo. No que respecta ao Concello de Baños de Molgas, a achega é de 40.000 euros para optimización enerxética de instalacións de iluminación pública. Para a mellora da eficiencia enerxética do campo de fútbol de Albán, a axuda concedida ao Concello de Coles é de 30.000 euros.
Ademais, ao Concello de Monterrei destínanse 20.000 euros para gastos de mellora eléctrica enerxética en instalacións e dependencias municipais e mobiliario urbano. O Concello de Allariz percibirá 47.926,03 euros para a mellora e arranxo da cuberta da piscina municipal climatizada, mentres que ao Concello de Ribadavia a axuda concedida será de 21.000 euros para gastos de mantemento da Escola Infantil.