Aprobado o proxecto para a construción dunha pasarela peonil na ponte sobre o Rego Val Dos Gozos en Cudeiro

OurenseXa
O Goberno galego destinará preto de 382.000 euros a esta actuación de mellora da accesibilidade e da seguridade viaria na estrada autonómica OU-150
proxecto_ponte_do_rego_val_cudeiro
Proxecto para a construción dunha pasarela peonil na ponte sobre o Rego Val Dos Gozos en Cudeiro
5 Apr 2024

O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de trazado para a construción dunha pasarela peonil na ponte sobre o rego Val dos Gozos en Cudeiro, no concello de Ourense

O Goberno galego destinará un orzamento de preto de 382.000 euros a estas obras que contribuirán á mellora da accesibilidade a da seguridade viaria neste tramo da estrada autonómica OU-150, especialmente para os peóns.

Na reunión de hoxe, o Consello da Xunta tamén aprobou o expediente correspondente aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas pola execución desta pasarela peonil na OU-150, que se construirá á altura do punto quilométrico 1+000 para permitir atravesar o rego Val dos Gozos.

Esta nova intervención da Xunta complementa os traballos xa rematados o pasado mes de setembro de construción dunha senda na OU-101, en Montealegre, e na estrada OU- 150, en Valdorregueiro, que supuxeron un investimento autonómico de 1,6 millóns de euros.

No caso concreto da estrada OU-150, en Valdorreguerio, executouse unha senda de case 1 quilómetro de lonxitude na marxe dereita que remata xusto antes da ponte sobre o rego Val dos Gozos. Pasada a ponte existe unha beirarrúa, tamén na marxe dereita da estrada, que discorre ata o seguinte núcleo de Cudeiro.

En consecuencia, co proxecto que se aproba hoxe conectaranse os dous itinerarios peonís de ambos os lados da ponte mediante unha pasarela de arredor de 50 metros de lonxitude e cunha anchura mínima de 2,5 metros, tamén na marxe dereita da estrada.

A estrutura de pórtico da pasarela será de aceiro e canto variable, con sección transversal de barras tubulares en celosía, e dous vanos: un principal de luz de 31,94 metros baixo o que discorre o rego Val dos Gozos, e outro vano secundario de luz de 16,94 metros. O material do pavimento proxéctase de madeira, de 6 centímetros de espesor, e o pasamáns da varanda peonil tamén será de madeira.

A Xunta convocará os actos expropiatorios no segundo semestre deste ano, co obxectivo de que as obras, que teñen un prazo de execución de 6 meses, estean rematadas no vindeiro 2025.

Nos últimos anos, a Xunta impulsou a execución de máis de 16 quilómetros de sendas nas estradas autonómicas da comarca de Ourense, con 8 millóns de euros. de investimento. A estas actuacións súmase, ademais, a que está agora mesmo en execución para conformar a nova senda peonil e ciclista que vertebrará de norte a sur a cidade entre a estación intermodal, a Ponte Vella e Expourense, a través da Avenida das Caldas e do Barbaña, cun investimento de 5,7 millóns de euros..

O Goberno galego continúa mellorando a rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé de modo máis cómodos, seguros e sustentables.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19307994842529