Aprobado por unanimidade o novo Plan Provincial de Formación 2024 de Ourense
O Pazo Provincial albergou a reunión da Mesa Provincial de Formación Continua da Deputación de Ourense, presidida pola vicepresidenta 1ª da institución provincial, Marta Novoa, coa asistencia dos representantes da Administración Provincial e das centrais sindicais con representación na Administración Local da Provincia de Ourense. O obxectivo deste encontro foi abordar o proceso de negociación do proxecto do Programa Provincial de Formación Continua da Deputación de Ourense de 2024, que se presentará á convocatoria da Xunta de Galicia realizada pola EGAP no pasado mes de xuño para o cofinanciamento dos plans de formación dirixidos aos empregados/as públicos/as da Administración Local de Galicia.
O novo plan, integrado por dez áreas de formación (informática e novas tecnoloxías, xurídica e procedimental, económica e orzamentaria, urbanismo e medio ambiente, Unión Europea, prevención de riscos laborais, formación específica, información e comunicación, organización e recursos humanos e formación en igualdade), abrangue un total de 111 accións formativas dirixidas a todos/as os/as empregados/as públicos/as da Administración Local da provincia, en torno a uns 5.000 traballadores/as correspondentes aos 92 concellos e 7 mancomunidades da provincia de Ourense. Neste plan agrupado de formación, no que participan a totalidade de entidades locais da provincia, contémplanse a realización de 82 cursos diferentes con varias edicións e de distintas xornadas de formación, nas modalidades presencial, a distancia, en liña ou telepresencial, acadando globalmente un cómputo final de 3.819 horas de formación e de 2.445 prazas ofertadas.
Os cursos e xornadas de formación deste novo plan impartiranse en moitos casos en instalacións da propia Deputación de Ourense como o Centro Cultural Marcos Valcárcel, o Pazo dos Deportes Paco Paz ou o Parque de Maquinaria de San Cibrao das Viñas; pero tamén en dependencias municipais doutros concellos como é o caso de Allariz ou Verín, así como no propio campus virtual de teleformación da Deputación de Ourense.
Rigoroso estudo de necesidades
O proxecto deste novo plan, elaborado pola Sección de Formación da Deputación de Ourense a partir dun rigoroso estudo de necesidades formativas, tivo en conta as achegas dos diferentes servizos da Administración Provincial, dos concellos da provincia e das organizacións sindicais máis representativas no ámbito da Administración Local da provincia de Ourense, así como as dos propios traballadores/as participantes nas actividades formativas realizadas durante o ano 2023.
O novo plan de formación do ano 2024 aprobouse de xeito unánime na Mesa de Formación da Deputación de Ourense co aval dos representantes nas entidades locais da provincia Ourense das organizacións sindicais CSIF, CCOO, UGT, CIG e USO, que valoraron positivamente o contido do plan elaborado dende o Servizo de Recursos Humanos e Formación da Deputación de Ourense.
O pasado ano 2023, a Deputación de Ourense realizou dende a Sección de Formación un total de 52 accións formativas, con 1.614 horas lectivas de duración e 1.048 participantes, cun investimento total de 201.477,33 € dos que 107.677,14 € corresponderon á subvención concedida pola EGAP para a execución do Plan de Formación de 2023. O plan elaborado pola Deputación no pasado exercicio foi o que obtivo maior puntuación de todas as entidades da Administración Local de Galicia que concorreron á citada convocatoria anual de subvencións da EGAP.