Arqueólogos do campus de Ourense documentan en Allariz o primeiro trilobite confirmado nun contexto romano

OurenseXa
O equipo da UVigo identificou no xacemento de Armea un fósil que podería ser o primeiro exemplar confirmado deste tipo atopado nun asentamento romano
armea01a
Castro de Armea
19 Jul 2025

Un equipo de arqueólogos da Universidade de Vigo identificou no xacemento de Armea (Allariz, Ourense) un fósil de trilobite que, segundo os investigadores, constitúe o primeiro exemplar confirmado deste tipo achado nun contexto arqueolóxico romano. O estudo foi publicado esta semana na revista Archaeological and Anthropological Sciences.

O achado remóntase ao ano 2021, durante unha escavación realizada polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT), nunha zona usada como vertedoiro doméstico entre os séculos I e III d.C. O fósil apareceu entre restos cerámicos e outros materiais típicos dos espazos domésticos romanos. Segundo explican os investigadores, trátase do undécimo trilobite atopado nun contexto arqueolóxico a nivel mundial, e só o terceiro que pode relacionarse cun uso humano na Antigüidade.

“O espécime representa o primeiro trilobite confirmado de época romana e é o terceiro do rexistro arqueolóxico mundial recollido e utilizado por humanos hai máis de 1000 anos”, sinalan os autores do estudo. Engaden que o trilobite, pertencente ao xénero Colpocoryphe e cunha antigüidade estimada entre 453 e 460 millóns de anos, probablemente procede de afloramentos de esquisto do Ordovícico Medio situados no centro-sur peninsular, a máis de 430 quilómetros do lugar onde foi atopado.

O fósil presenta sinais de desgaste e pequenas modificacións na súa parte inferior que apuntan a un posible uso ornamental, probablemente engastado nunha pulseira ou colgante. “É plausible considerar que o trilobite de Armea puidera ser percibido como posuidor de poderes máxicos e protectores para o seu portador”, explican os arqueólogos. Segundo o estudo, este tipo de usos simbólicos está documentado noutros fósiles empregados en épocas antigas, aos que se lles atribuían propiedades protectoras ou curativas.

Os investigadores subliñan que non existen fósiles deste tipo nin na zona nin no seu contorno xeolóxico, o que reforza a hipótese de que foi transportado dende o sur peninsular. “O feito de que non existan fósiles deste tipo na zona e nas rexións próximas compostas por rochas ígneas ou con forte metamorfose, respalda a existencia dun comercio insospeitado destas pezas dentro da península ibérica”, indican.

O estudo tamén establece unha conexión entre este achado e o interese que algúns emperadores romanos mostraban polos fósiles. “O trilobite de Armea foi atopado no nivel arqueolóxico xunto a unha moeda de bronce de Augusto, quen, segundo o historiador romano Suetonio, era un coleccionista de fósiles e fundou o primeiro museo paleontolóxico coñecido”, conclúen os autores.

⚙ Configurar cookies
0.1690411567688