Arqueólogos do Campus de Ourense participarán nunha nova campaña de arqueolóxica nas illas Cíes
A Universidade de Vigo a Xunta de Galicia acaban de iniciar unha nova campaña arqueolóxica na illa do Faro, nas Cíes, co reto de “obter información valiosa que permita afondar no coñecemento que se ten sobre a historia e a ocupación humana deste arquipélago en tempos pasados”.
O proxecto foi presentado este mércores en Vigo pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, acompañada polo director do equipo encargado da escavación, o arqueólogo da UVigo Adolfo Fernández; a delegada territorial da Xunta na cidade, Ana Ortiz, e o director-conservador do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, José Antonio Fernández.
O xacemento no que se centrarán os traballos (que comezaron hai uns días e se prevé que se prolonguen durante arredor de cinco semanas) foi localizado o ano pasado no marco duns traballos de sondaxe realizados na finca da Casa Viladomar, que deixaron ao descuberto restos arqueolóxicos probablemente da época galaico-romana. Máis concretamente, a conselleira e o arqueólogo responsable do proxecto explicaron que durante esa primeira exploración localizouse un muro, tégulas ou tellas e diverso material cerámico, como ánforas, e que foi a presenza de restos construtivos a que levou a concluír ao equipo do GEAAT que a zona tiña interese arqueolóxico como para ampliar as tarefas de prospección.
Proxecto Sentinela
A área de escavación proposta nesta campaña está localizada dentro do ámbito de protección catalogado no Plan xeral de ordenación municipal de Vigo, moi próximo a outros dous xacementos xa coñecidos: o Concheiro das instalacións forestais e o conxunto formado polo Mosteiro, necrópole e convento de Santo Estevo. Enmarcada dentro do chamado proxecto Sentinela, promovido pola UVigo coa colaboración e apoio loxístico e económico da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, o obxectivo desta iniciativa de investigación arqueolóxica é catalogar, identificar e rexistrar o patrimonio cultural deste Parque Nacional.
Esta intervención nas Cíes sumarase e completará as dúas acometidas desde o ano 2021 no areal de Bois, en Sálvora, e as que se levaron a cabo na fábrica de salgadura de Canexol e na zona coñecida como A Cova do Lobo, ambas en Ons, unha illa que, tal e como lembrou a conselleira, ten desde o pasado mes de marzo un espazo museístico propio no seu centro de interpretación dedicado a dar a coñecer os restos patrimoniais, arqueolóxicos e etnográficos descubertos nos últimos anos.
Tras incidir na “prudencia” coa que se deben encarar sempre este tipo de traballos, Ángeles Vázquez amosouse convencida de que a zona escollida para esta nova campaña arqueolóxica nas Cíes “vai ser outro espazo moi interesante” para poder coñecer como eran as edificacións da época romana nesta illa e “poñer en valor” todo o patrimonio histórico e cultural que alberga o Parque Nacional. Neste sentido, garantiu a continuidade das prospeccións arqueolóxicas nos arquipélagos tanto este ano como o que vén, un obxectivo ao que a Consellería destinará 123.000 euros (financiados en parte con fondos europeos) e co que pretende “reconstruír” a historia deste espazo natural e dos seus primeiros moradores, converténdoo á vez nun atractivo máis para visitar o Parque Nacional e colocar a Galicia no mapa do turismo de natureza e cultural a nivel internacional”.