Arquivada unha denuncia contra Jácome pola compra de material de gravación e a contratación dun asesor

O Xulgado de Instrución número 1 do Tribunal de Instancia de Ourense acordou o sobresemento provisional e o arquivo da causa aberta contra o alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, tras unha denuncia que cuestionaba a adquisición de material técnico e a contratación dun asesor municipal.
A investigación centrábase na compra de dúas cámaras e na incorporación dun asesor por parte do Concello, ao considerar a denuncia que estes recursos poderían terse destinado a realizar gravacións para unha televisión privada.
Porén, o xuíz conclúe no seu auto que “de todo o instruído ata a data non se deducen indicios suficientes que permitan afirmar que nos atopamos ante feitos contrarios ao ordenamento xurídico penal”. O auto tamén incide en que “o feito de que se compre material técnico para gravar actuacións relacionadas co Concello de Ourense, o feito de contratar a un asesor co fin de encargarse, entre outras funcións, de realizar tales gravacións, en ningún caso é constitutivo de delito”.
Con esta decisión, o xulgado pon fin, polo momento, á causa aberta en relación con estes feitos.