Arranca en Ourense unha histórica xornada de folga no Concello
Ourense arranca este xoves, 31 de outubro, unha histórica xornada de folga sen precedentes dos traballadores municipais do Concello de Ourense, que demandan un cambio na política de persoal por parte do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome.
Os paros, que continuarán o vindeiro luns, 4 de novembro, están respaldados de forma masiva e inclúen tamén ao persoal laboral. A xornada de hoxe estará marcada por unha concentración silenciosa na Praza Maior, fronte á Casa do Concello. Nun principio, a convocatoria incluía unha manifestación masiva entre a Subdelegación do Goberno de Ourense e o Concello, percorrendo as principais rúas do centro da cidade, idea que quedou descartada en solidaridade coas vítimas da Dana no Levante.
Servizos mínimos
O Concello de Ourense lembra os servizos mínimos establecidos para a folga do persoal funcionario e laboral convocada para mañá, xoves, 31 de outubro, e o luns, 4 de novembro. Serán os seguintes:
- Servizo de prevención, extinción de incendios, Salvamento e Protección civil: dotación completa de once funcionarios/as e cando menos un mando.
- Servizo de Benestar Social. Fogar do Transeúnte: 50% do persoal
- Servizo de Cultura, Xuventude e Participación Cidadá. Sección Cultura:
- 50% do persoal
- Servizo de Saúde. Dispensario Metadona UAD: 1 funcionario/a
- Cemiterios municipais: 50% do persoal
- Sistemas de información: 1 persoa de perfil técnico do servizo.
- Servizos Xerais: 1 alguacil
- Estatística: 1 funcionario/a para atender certificados urxentes de empadroamento e similares.
- Servizos con atención ao público: 1 auxiliar/administrativo por cada un dos servizos.
- Xefaturas de servizos ou asimilados: a persoa titular ou quen a substitúa.
A oficina de atención ao cidadán en materia de rexistros (Rexistro Xeral), da rúa da Barreira estará pechada. Para a emisión de volantes e certificados de empadroamento, as persoas interesadas deberán dirixirse ás oficinas de Estatística, na Praza de San Martiño, baixo.