Arranca esta fin de semana a tempada do fútbol gaélico

ACoruñaXa | OurenseXa
Defenden o título os coruñeses Fillos de Breogán na masculina, e Auriense Campus da Auga FG na feminina
futbol-gaelico
12 Out 2024

Coa chegada do mes de outubro arrincan as competicións de liga da Asociación Galega de Fútbol Gaélico. Esta mesma fin de semana, dá comezo a competición masculina e o día 26 a feminina.

Ángel Negrete, presidente da Asociación Galega de Fútbol Gaélico, salienta neste arranque de competición: "Isto supón a 13.ª tempada do fútbol gaélico en Galicia, parece pouco tempo pero o certo é que fixemos de todo. Fomos a Europeos, Mundiais, temos Selección Galega e o deporte está recoñecido oficialmente en Galicia”.

Con respecto ao número de persoas que practican esta disciplina deportiva, explica Ángel Negrete: “A nivel números xa hai un par de anos que recuperamos o número de licencias pre covid, o ano pasado xa o superamos, estamos en tendencia positiva e chegamos aproximadamente ás 400 licencias”. Pon en valor o presidente da Asociación Galega de Fútbol Gaélico o feito de que “un terzo desas licencias son femininas, non chega a ser paritario pero está por encima doutras disciplinas deportivas”.

A Liga Galega Masculina de fútbol gaélico conta con nove equipos participantes:

  • Auriense Campus da Auga FG (Ourense)
  • Estrela Gaels (Compostela) (filial Estrela Vermelha)
  • Estrela Vermelha FG (Compostela)
  • Fillos de Breogán (A Coruña)
  • Keltoi Estibadores (Vigo) (filial Keltoi)
  • Keltoi GAC (Vigo)
  • Lorchos (Barbanza)
  • Lume de Beltane (Poio)
  • Turonia Gondomar FG (Gondomar)

Defenden o título os coruñeses Fillos de Breogán que son os vixentes campións e que suman cinco campionatos de liga consecutivos. Tamén participan dous filiais, neste caso o Estrela Gaels, que depende do Estrela Vermelha de Compostela, e o Keltoi Estibadores que é canteira do Keltoi GAC vigués.

Hai representación de clubs de tres provincias galegas, só Lugo queda pendente de contar cun equipo nesta liga. Pontevedra e A Coruña son as que máis equipos achegan. Por localización xeográfica, hai representación de equipos da Coruña, o Barbanza, Gondomar, Compostela, Ourense, Poio e Vigo.

O sistema de competición na categoría masculina terá un arranque que consistirá unha volta de enfrontamentos de todos contra todos. Está pendente de decidirse nunha asemblea entre os clubs participantes como será o segundo chanzo da competición. Barállanse opcións como unha segunda volta completa, disputa de play-offs, etc.

Este sábado haberá dous partidos:

  • 17:00 h Chaín (Gondomar) Turonia vs Fillos de Breogán
  • 18:00 h Valiño (Boiro) Lorchos vs Keltoi Estibadores

O domingo será a vez de (18:00 horas) Universidade (Ourense) Auriense vs Estrela Gaels.

O Auriense defende o título feminino

No caso da Liga Galega Feminina o arranque da competición está marcado para a fin de semana do 26 de outubro. Toma parte seis equipos:

  • Auriense Campus da Auga FG (Ourense)
  • Estrela Vermelha FG (Compostela)
  • Fillas de Breogán (A Coruña)
  • Grovias (A Guarda)
  • Lavandeiras de San Simón (Vigo)
  • Turonia Gondomar FG (Gondomar)

O sistema de competición é a dobre volta. Defende o título o Auriense Campus da Auga FG de Ourense que gañaban por vez primeira no curso 2024-25 a Liga Galega Feminina de fútbol gaélico.

Súmase á competición o conxunto vigués Lavandeiras de San Simón logo da baixa do Independiente.

Hai representación das provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra, con clubs nas localidades da Coruña, A Guarda, Compostela, Gondomar, Ourense e Vigo.

A primeira fin de semana de liga feminina ten estes partidos previstos:

26/10/24 (pendentes de horario e campos)

  • Grovias vs Estrela Vermelha
  • Auriense Campus da Auga FG vs Lavandeiras de San Simón
  • Turonia Gondomar FG vs Fillas de Breogán

Outras competicións como Europeo, Copa e Ibérico

Logo das competicións de liga, que rematarán contra do mes de abril, chegará o tempo para disputa de torneos de Copa ou o Ibérico dentro do fútbol Gaélico Galego.

Antes haberá citas como o Europeo de Clubs de Lyon que terá lugar na fin de semana do 19 de outubro e no que van participar Fillos de Breogán na categoría masculina e Fillas e Estrela Vermelha na feminina.

Doutra parte, haberá competicións da Selección Galega que en novembro xa ten prevista unha cita, en marzo estará na Haia e no verán competirá no Europeo.

O presidente da Asociación Galega de Fútbol Gaélico, Ángel Negrete trasladaba tamén o agradecemento a “toda a xente que nos apoia para que isto saia adiante, patrocinadores, á Real Federación Galega de Fútbol que nos axuda coa loxística, e tamén a PuntoGal, levamos varios anos colaborando con eles e axúdanos sobre todo coas Gaélico Escolas que é un proxecto estandarte para poder chegar máis á rapazada, que esa rapazada poida subir aos seus primeiros equipos e que o fútbol gaélico galego poida seguir outros 13, 15 ou 40 anos máis”.

0.19568991661072