Arranca unha nova fase das obras para humanizar as beirarrúas da Valenzá

OurenseXa
A concelleira de Obras, Victoria Morenza, asegura que esta actuación “vai supoñer unha mellora considerable na accesibilidade nunha das zonas máis transitadas da Valenzá e nun dos barrios máis antigos do núcleo”
obras_barbadas
Obras de humanización de A Valenzá
22 Feb 2024

Humanizar as beirarrúas da Valenzá, eliminado os obstáculos que dificultan a circulación dos peóns é o obxectivo que levou ao Concello de Barbadás a activar un plan de obras nunha superficie de máis de 1.800 metros cadrados. Os traballos arrancaron nestes días nas rúas Areal e Bahamonde, despois de finalizar en outras zonas como Carrís e Picouto. O orzamento desta actuación ascende a un total de 65.764 euros.

As obras teñen como finalidade solucionar os problemas de pendente en moitas das rúas. Adecuaranse as beirarrúas destas vías para que sexa viable o paso de carriños de bebés ou de compra e persoas con mobilidade reducida, eliminando na medida do posible todos aqueles elementos que interrompen a circulación.

As dificultades foron resoltas nalgúns puntos, tanto polo Concello de Barbadás como por parte dos propietarios de locais e solares, pero algúns obstáculos como chanzos dificultan o paso dos peóns. Trátase de dar unha solución eficiente aos obstáculos, eliminando chanzos e dando continuidade á beirarrúas sen que se produzan cambios bruscos de pendentes.

No proxecto inclúense tamén reparacións en puntos nos que as baldosas están deterioradas e a reparación e perfilado de acabados en arquetas que poderían causar caídas. Con este plan, que agora entra nunha nova fase nas rúas Areal e Bahamonde, o Concello de Barbadás pretende mellorar a mobilidade na Valenzá, en zonas moi transitadas e onde os peóns atopan obstáculos a diario.

A concelleira de Obras, Victoria Morenza, asegura que esta actuación “vai supoñer unha mellora considerable na accesibilidade nunha das zonas máis transitadas da Valenzá e nun dos barrios máis antigos do núcleo”. Ademais, explica que tamén se aproveitará a obra para cambiar a tubaxe nunha vía na que os veciños e veciñas sufrían avarías con frecuencia e cortes de auga.

0.06461501121521