Arrancan as obras de humanización do primeiro tramo da Avenida de Portugal

OurenseXa
Os traballos desenvolveranse no treito comprendido entre a rúa Marcelo Macías e a rúa Vila Valencia
obras-avenida-de-portugal
16 May 2025

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, asistiu esta mañá ao inicio das obras de humanización do primeiro tramo da Avenida de Portugal de Ourense, intervención incluída na serie de actuacións subvencionadas polo programa de axudas do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia. Alí, Santos destacou “o esforzo inversor” do Goberno de España para facer de Ourense “unha cidade máis amable para as persoas”.

En total, son dous proxectos que abranguen a totalidade da rúa: o primeiro inclúe o treito comprendido entre a rúa Marcelo Macías e a rúa Vila Valencia e o segundo o que vai desde Vila Valencia até Ervedelo, e suporán un investimento conxunto de máis de 5 millóns de euros.

Durante a súa intervención, o subdelegado cifrou en máis de 4,2 millóns de euros os fondos invertidos polo Executivo central en Ourense no programa de axudas a municipios para as zonas de baixas emisións. En concreto, concedéronse cinco axudas: humanización da rúa Alejandro Pedrosa e Avenida de Portugal (2.217.866,71 euros), a implantación de unha Zona de Baixas Emisións (ZBE) (738.867,65 euros), o aparcamento disuasorio no Parque Coto de Canedo (549.727,64), mobilidade vertical para salvar diferencias de nivel entre distintos puntos da cidade (426.302,20 euros) e a implantación dun Sistema de Bicicleta Eléctrica Pública en Ourense (279.286,91 euros).

Neste sentido, Eladio Santos resaltou que “o Goberno de España ten claro que debe investir cando hai un proxecto importante para a mellora da mobilidade na cidade de Ourense”. Por iso, sempre apoia “os proxectos de envergadura”, como a estación de tren, a chegada da alta velocidade, a mellora das comunicacións por estrada, inversións no Museo Arqueolóxico e na estación de San Francisco.

Non obstante, o subdelegado asegurou que bota de menos inversións reais da Xunta de Galicia na cidade, “inversións transformadoras como as que está a facer o Goberno de España”. Ademais, agradeceu ao alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, a invitación ao acto dunha actuación cofinanciada, “algo que debería ser o habitual e que non ocorre coa Xunta, que agocha a procedencia dos fondos do Goberno e non convida aos representantes estatais ás convocatorias”. “Lamento que o Executivo galego descoñeza á lealdade institucional”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.15930390357971