Arrancan as obras de rehabilitación integral do Xardín do Posío cun prazo de execución de 12 meses

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, acompañado por concelleiros e concelleiras do goberno municipal, asistiu este mércores ao inicio das obras de rehabilitación integral do Xardín do Posío, promovidas polo Concello. O rexedor destacou a importancia desta intervención, que busca revitalizar este lugar sen perder a súa esencia histórica e patrimonial. O proxecto dispón dun orzamento de preto de 2,6 millóns de euros (IVE incluído) e terá un prazo de execución de 12 meses.
Segundo explicou o concelleiro de Obras Públicas, Francisco Lorenzo, a reforma procurará recuperar os valores tradicionais do xardín. “Substituirase o pavimento de pedra por un de xabre estabilizado, que evitará a acumulación de calor. Ademais, mellorarase a zona de xogos infantís, o quiosco e a cafetería, e ampliarase a masa vexetal, sempre respectando e tendo en conta as especies xa existentes, moitas delas de gran valor”.
O xefe de obra, Óscar Ribao, detallou que as actuacións se estenderán por todo o xardín. “Renovarase a rede de saneamento e abastecemento, apostando pola eficiencia enerxética na iluminación. Na parte máis alta retiraranse os xogos infantís antigos para instalar uns novos, mentres que na zona central primará a recuperación da esencia do Xardín do Posío, incorporando un solo estabilizado con xabre, así como novas áreas con bancos e zonas de sombra para facer o espazo máis agradable no verán”, explicou.
Tamén se manterán elementos patrimoniais como o palco e as escaleiras, mentres que na parte inferior, próxima á rúa do Progreso, levaranse a cabo melloras nas zonas arboradas, así como a plantación de novas especies de árbores, plantas e flores.