Arrancan as obras do Parque Canedo cunha inversión de máis de sete millóns de euros

OurenseXa
O proxecto contempla a construción dun gran parque público de 18.000 metros cadrados, un aparcamento público subterráneo con 319 prazas, unha piscina de case 800 m2, 3 zonas de xogos e unha pista deportiva
proxecto-parque-canedo
Proxecto do Parque Canedo
31 Mar 2025

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, asistiron esta mañá ao inicio das obras de construción e urbanización do Parque Canedo. Esta actuación, que desenvolve o Concello de Ourense cun orzamento total de 7,9 millóns de euros, conta cunha achega municipal de 7,35 millóns de euros, mentres que o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financia 550.000 euros.

O proxecto prevé a creación dun gran parque público de 18.000 metros cadrados, un aparcamento subterráneo con 319 prazas, unha piscina de case 800 m², tres zonas de xogos e unha pista deportiva, todo no interior do rueiro formado polas rúas San Rosendo, San Froilán, Avenida das Caldas, Basilio Álvarez, Victoria Kent e Xesús Pousa Rodríguez.

O alcalde Gonzalo Jácome destacou a importancia deste proxecto, afirmando: "Hoxe é un gran día para Ourense, pois imos iniciar a maior obra civil na historia do Concello. Imos crear a maior zona verde de Ourense, no centro urbano, cunha extensión de 18.000 m², que se chamará Parque Canedo, e incluirá unha piscina grande, case como a de Oira, zonas de xogos e un aparcamento soterrado con 319 prazas, que son fundamentais para dar servizo ao barrio da Ponte e tamén á estación".

"Esta intervención mellorará a vida de todos os ourensáns, especialmente dos veciños do barrio da Ponte, e revalorizará totalmente a zona. Aumentará considerablemente a calidade de vida no corazón da Ponte, practicamente no centro de Ourense. Agardamos que a obra estea rematada nun ano e medio", engadiu.

O orzamento total do proxecto é de 7,9 millóns de euros, que inclúen a execución das obras, o custo do proxecto e a dirección das mesmas, con IVE incluído. Sobre unha superficie de 20.000 metros cadrados, divídese en tres zonas de actuación: un parque de 18.000 m², unha piscina de case 800 m² con zona de vestiarios, tres zonas de xogos (duas infantís, para diferentes grupos de idades, e unha terceira de xogos biosaudables), unha pista deportiva e un aparcamento subterráneo de 8.000 m² con 319 prazas.

O aparcamento, cun orzamento de 2.475.418 euros, forma parte do proxecto MoveOurense II, presentado polo Concello ao programa de axudas a municipios para a implantación de zonas de baixas emisións e a transformación dixital e sostible do transporte urbano, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España. O proxecto está co-financiado con fondos Next Generation por un importe de 549.727,64 euros.

⚙ Configurar cookies
0.15631008148193