Arredor de 1.000 persoas correrán este domingo polo barrio da Ponte no circuíto Correndo por Ourense

OurenseXa
A proba ocasionará diversas restricións de tráfico durante toda a mañá
Imaxe recurso dunha carreira popular
27 Sep 2025

O barrio da Ponte acollerá este domingo, 28 de setembro, unha nova edición da Carreira da Ponte, incluída no circuíto Correndo por Ourense. A proba, organizada polo Consello Municipal de Deportes, contará coa participación de arredor de 1.000 persoas de todas as idades.

A saída será ás 11:00 horas desde a rúa Francisca Herrera, xunto ao instituto 12 de Outubro, e desenvolverase por un percorrido que inclúe a avenida de Santiago, rúa Basilio Álvarez, avenida das Caldas, rúa José Antonio Moretón, rúa do Ribeiriño, rúa Mercado, rúa Rosalía de Castro e rúa Vicente Risco, ata a rotonda, regresando finalmente á meta na rúa Francisca Herrera. As diferentes categorías partirán de xeito escalonado: Pitufos ás 11:00 horas, Sub10 e Sub12 ás 11:05 horas, Sub14 e Sub16 ás 11:15 horas, e a carreira absoluta ás 11:30 horas.

Para garantir a seguridade dos participantes, a Policía Local de Ourense estableceu cortes de tráfico desde as 8:00 horas na rúa Francisca Herrera e a partir das 10:00 horas no resto das rúas do circuíto. Con todo, o acceso e saída da estación intermodal permanecerá aberto en todo momento.

Como vías alternativas, recoméndase aos condutores que circulen pola avenida de Santiago cara ao centro desviarse pola rúa Rey Soto; os que accedan á N-525 ou N-120 facelo pola rúa Río Arnoia; e os que entren na avenida de Santiago desde a rúa Basilio Álvarez ou a Ponte Nova, utilizar as rutas indicadas pola Policía Local para evitar as rúas cortadas.

A organización lembra que se trata dun evento popular que fomenta a participación cidadá e o deporte, e pide a todos os veciños e condutores a súa colaboración para que a xornada se desenvolva con normalidade.

⚙ Configurar cookies
0.10218596458435